A Coral Casablanca actuará en Castrelos o sábado 27 de xullo ás 22 horas
Retoma así a tradicional actuación que foi aprazada por mor da choiva do pasado fin de semana. A actuación terá 2.500 cadeiras na platea para as que a entrada será libre ata completar aforo.
A Coral Casablanca subirá ao escenario do Auditorio de Castrelos o sábado 27 de xullo para celebrar o seu concerto “tradicional”, tal e como o definiu o alcalde. A coral viguesa, con máis de 130 voces mixtas, é un evento que forma parte da programación de Vigo en Festas cada ano. O evento, programado previamente para o día 20 de xullo, foi aprazado por mor da choiva.
O concerto da Coral Casablanca terá 2.500 cadeiras na platea de acceso libre ata completar aforo. O resto de público poderá gozar da actuación desde o resto do anfiteatro.
A Coral Casablanca fundouse no 1957 no Convento dos Pais Capuchinos do barrio vigués co mesmo nome. É a máis laureada de Galicia e a máis antiga en activo da cidade. O coro ten sido premiado e recoñecido nunha vintena de ocasións e ten actuado en Galicia, Portugal, Asturias, Euskadi, Aragón, Castela e León, Canarias, Cataluña, Madrid, Bélxica, Francia e Alemania.
Cabe destacar os concertos que deu no Palau da Música de Barcelona, a Catedral de Bruxelas con motivo da Europalia 85, o Teatro Comunale de Estrasburgo, a Catedral de L’Orient, así como outros tantos escenarios de toda España.