Vigo contará cun servizo de bicicletas eléctricas
Abel Caballero indicou esta mañá que o Concello “autorizou a instalación de estacións de recarga de vehículos eléctricos e bancadas de bicicletas eléctricas en aparcamentos subterráneos”. A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de reparación estrutural da cuberta do pavillón polideportivo de Bouzas.
Na Xunta de Goberno Local deste venres, o Concello de Vigo autoriza a instalación de estacións de recarga de vehículos eléctricos e bancadas de bicicletas eléctricas en aparcamentos subterráneos. Será en 7 aparcamentos da cidade (Avenida Castelao, Jenaro de la Fuente, Policarpo Sanz, Areal, Pintor Colmeiro, Urzaiz e Praza Independencia), no que se instalarán 10 prazas con recarga eléctrica e 10 bicicletas en cada un dos aparcamentos.
Como indicou o rexedor, con esta medida “estamos facilitando a recarga de vehículos eléctricos” e por outra banda, “a instalación dunha nova forma de entender a mobilidade urbana”, impulsando o uso de bicicletas eléctricas “para promover unha mobilidade de última milla sostible”.
Pavillón de Bouzas
A Xunta de Goberno Local tamén aprobou o proxecto de reparación estrutural da cuberta do pavillón polideportivo de Bouzas, cun orzamento de 86.305€.
Caballero indicou que “as actuacións executaranse na estrutura de formigón prefabricado, que cobre a pista polideportiva”. Na actuación, tamén se saneará “a estrutura metálica de aceiro laminado ligada ao prefabricado da fachada e do lateral das vigas da cuberta”. Inclúe ademais a reparación e impermeabilización do canalón de recollida de auga da cuberta, polo que “contamos que en 8 meses o pavillón este completamente reparada e a pleno funcionamento”.