O Concello realizará no PXOM unha ordenación detallada do ámbito de Santa Cristina-Bagunda
Con este acordo de modificación do contrato de redacción do PXOM formalizase a decisión, acelerando o proceso de construción de vivenda protexida. Abel Caballero di que “este ano conflúen dúas efemérides relacionadas con arquitectos da cidade”, ao cumprirse 100 anos do falecemento de Jenaro de la Fuente y del nacemento de Bar Bóo.
Na xerencia de urbanismo da semana que ven, o Concello formalizará o acordo de modificación do contrato de redacción do PXOM por importe de 36.200€. Desta forma o equipo redactor da revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal realizará unha ordenación detallada do ámbito de Santa Cristina-Bagunda, que o Concello dedicará a vivenda protexida.
Este área establecerase como o primeiro ámbito destas características que se desenrola no Concello, incorporándose ao PXOM para poder actuar o máis rápido posible. Este ámbito figura no documento aprobado inicialmente como “chan urbano non consolidado”, chan de propiedade municipal, que ao incorporar a súa ordenación detallada, fará posible a edificación de vivendas de protección pública, ademais de definir as zonas verdes e os viais.
Convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia
No ano 2022 cúmprese o centenario da morte de Jenaro de la Fuente e do nacemento de Bar Bóo, dous arquitectos que abarcan un período histórico, que vai desde finais do sigo XIX e ata finais do século XX, na cidade de crecemento e evolución do Vigo do ensanche ata a gran cidade metropolitana actual.
Para celebrar as dúas efemérides, o Concello de Vigo firmará un convenio co Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia para realizar unha exposición na rúa coas obras máis destacadas de Jenaro de la Fuente e Bar Bóo. Paralelamente desenvolveremos unha campaña de divulgación de arquitectura en redes sociais. O Concello dedicará 27.000 euros para este fin, sendo o Colexio o responsable da selección dos materiais da mostra.