O Concello aproba as bases das axudas municipais para os libros de texto
Abel Caballero anunciou a aprobación das bases para as becas dos libros de texto que chegarán a máis de 25.000 mozas e mozos cunha contía de 205 euros por persoa escolarizada na educación obrigatoria. O prazo de solicitude comezará tras a publicación das bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra e estará aberto dous meses.
A Xunta de Goberno aprobou as bases para a concesión de axudas municipais a familias con fillos e fillas en ensino obrigatorio. O alcalde deu conta deste asunto aprobado polo goberno local este xoves cun importe de 5,2 millóns para chegar aos máis de 25.000 rapazas e rapaces escolarizados en Vigo.
A contía por solicitante será de 205 euros e o prazo abrirá unha vez publicadas as bases no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, “nos próximos días”, dixo o rexedor.
Abel Caballero explicou que “fixemos unha simplificación na solicitude” polo que os demandantes deberán achegar o modelo cumprimentado que poderá atoparse na web municipal, achegar o certificado de matrícula do centro escolar e o IBAN. A solicitude pode realizarse de xeito telemático ou presencial.
Caballero di estar satisfeito coa medida, que espera que a administración local poda comezar a pagar na segunda quincena de febreiro, e lamentou que non sexa a Xunta a que aboe o custo dos libros de texto aos escolares de Vigo e Galicia.