Escoitar

Caballero tilda de "acción da maior importancia" a carreira solidaria Érguete e Corre 

Abel Caballero, alcalde de Vigo, cualificou a carreira solidaria Érguete e Corre como “unha acción da maior importancia” que se vai celebrar o vindeiro 11 de decembro, domingo, coa súa saída e chegada na terraza do Centro Comercial Vialia.

mércores, 23 nov 2022

Acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, por Elvira Rivas, coordinadora da asociación Érguete e polo director de Vialia, Juan Louro, ademais doutros patrocinadores e representantes da organización, o rexedor lembrou que esta é unha das tres carreiras solidarias con saída e chegada no casco urbano vigués (as outras, a Vigo contra o Cancro e a Móvete pola Esclerose Múltiple) e ademais “que pecha o circuíto Run Run Vigo”, a serie de carreiras que patrocina o Concello.

A proba, que oferta correr 5.000 ou 10.000 metros, pero tamén promove unha andaina ou facer 5 quilómetros en bicicleta, abandona nesta a súa quinta edición o centro tradicional. Rivas, ademais, lembrou que é o primeiro ano do Run Run no que entra esta carreira. Foi aceptada polo Concello para o circuíto 2020, pero a pandemia parou tamén a actividade deportiva.

Agora, a carreira decidirá de xeito definitivo o podio do campionato municipal de “running”, pois con ela remata a competición 2022. “Para nós é un soño que se fixo realidade”, dixo Rivas sobre a entrada da carreira na liga municipal atlética sobre asfalto. De feito, dende Érguete sinalaron que “sen o Concello sería imposible facela”.

O prazo de inscrición estará aberto ata o luns 5 de decembro (10 euros para calquera das posibilidades) e a organización espera unha boa resposta para un trazado que collerá as rúas Vía Norte, Párroco José Otero, Levante, Travesía de Vigo, Bos Aires e Mimosa, volvendo pola nova Vía Verde.

Descargar todas as imaxes