Abel Caballero fai un chamamento para “encher os estantes” do Banco de Alimentos na Gran Recollida
O Banco de Alimentos recupera este ano de xeito presencial a Gran Recollida de Alimentos coa que pretenden alcanzar 300.000 kg de comida entre mañá e pasado mañá. O alcalde sumouse á campaña de promoción dunha iniciativa solidaria para “encher os estantes da ONG”.
O alcalde de Vigo visitou esta mañá as instalacións do Banco de Alimentos para apoiar a Gran Recollida 2022 organizada para mañá e pasado mañá, venres e sábado, respectivamente. Esta ONG, que está a atender a 20.000 persoas, solicita o apoio solidario de toda a cidade para tratar de conseguir o seu obxectivo: 300.000 kg de comida que garantirían o abastecemento ata a primavera de 2023. Na Gran Recollida participan este ano 130 supermercados de toda a provincia, colaborarán 2.000 voluntarios e a madriña nesta ocasión é a xornalista viguesa Alba Lago.
Logo da visita ás instalacións na que estivo acompañado por responsables do Banco de Alimentos, Caballero apelou unha vez máis á solidariedade da cidade para “encher os estantes” da ONG á que o Concello apoia con axudas económicas directas e coa financiamento do alugueiro das instalacións da rúa Alcalde Lavadores.