Escoitar

O Concello acomete a demolición pendente da grada de Marcador

O alcalde e a presidenta da Deputación, Carmela Silva, visitaron este xoves os traballos que se están executando e que culminarán en 7 ou 8 días coa derruba da bancada, unha obra na que se están aplicando criterios de mellora ambiental.

xoves, 10 mar 2022
Abel Caballero e Carmela Silva durante a visita ao Estadio de Balaídos
Abel Caballero e Carmela Silva durante a visita ao Estadio de Balaídos

Desde este xoves traballa a maquinaria para derruír a parte da bancada de Marcador que quedaba en pé, xa que albergaba as instalacións eléctricas e o centro de transformación, que permite a iluminación do campo e que xa se desprazou ao lugar definitivo. Así, a obra pode avanzar coa previsión de prolongar estes traballos durante 7 ou 8 días nos que tamén se demolerá a cimentación.

O alcalde explicou que os restos da demolición serán triturados para seren reutilizados como base na obra seguindo os criterios de mellora ambiental que xa se viñan aplicando: “nos cimentos da grada metemos os restos da demolición da bancada, un total de 10.000 toneladas” de materiais, pedras e cimentos. “Reutilizamos todo ese material, con todas as garantías para a obra reforzando o baseamento e creando unha base de 60-70 centímetros de profundidade”. Deste xeito, evítase a xeración de residuos.

A estrutura da base da bancada de Marcador, tal e como detallou Caballero, queda formada por varias partes: pilotes, un encepado de formigón, unha capa de pedra reutilizada, formigón de limpeza, illamento, forxado e lousa. Os pilotes teñen unha profundidade superior aos 10 metros de media e algúns acadan os 22 metros de longo. A nova bancada queda aproximadamente un metro máis alta do que estaba a anterior.

A previsión é que a obra estea terminada a finais deste ano 2022.

 

Abel Caballero e Carmela Silva durante a visita ao Estadio de Balaídos
Descargar todas as imaxes