Escoitar

O Concello completa desde este xoves a demolición de Marcador

O goberno de Vigo aproba un modificado de carácter técnico do proxecto da nova bancada do estadio de Balaídos, que non eleva o custo nin afecta aos prazos previstos. Abel Caballero anunciou que a derruba da parte pendente de Marcador -que acollía os transformadores eléctricos- comeza este xoves.

mércores, 9 mar 2022
A finais do verán comezou a demolición da antiga bancada de Marcador.
A finais do verán comezou a demolición da antiga bancada de Marcador.

O alcalde explicou este mércores o alcance da modificación do proxecto que a Xunta de Goberno Local prevé validar este xoves, cambios de carácter “técnico” que responden á aparición de elementos no subsolo dos que non se tiña constancia e que obrigan ao desvío de canalizacións, por exemplo.

A modificación “non incrementa nin un só céntimo o custo da obra e non afecta en absoluto ao prazo de execución”, afirmou Caballero, quen datou a posta en marcha da nova bancada a inicios do próximo ano: “Quero ser un pouco conservador nisto, principios do ano que vén, aínda que é certo que se pode adiantar”.

A obra avanza e este xoves entra nunha nova fase co inicio da demolición da pequena parte do vello Marcador que quedaba en pé. Quedou pendente porque acollía os transformadores eléctricos que permitían a iluminación do campo, en verbas de Caballero. “Xa hai outro espazo para acollelo e mañá (xoves) comeza a demolición”, despois de que este mércores chegue a maquinaria. Está previsto que a derruba se prolongue “uns poucos días”.

Concello de Vigo e Deputación de Pontevedra abonan a partes iguais os 15,5 millóns de euros que custa tirar e erixir a nova bancada de Marcador. Abel Caballero manifestou que o club non paga nada nesta obra e tampouco a Xunta de Galicia: “Teño que mostrar a miña indignación porque a Xunta non financie nin un céntimo do novo estadio de Balaídos, porque é o espazo deportivo máis emblemático e importante de Galicia”

Descargar todas as imaxes