O World Car Center avanza na súa tramitación e recuperará a senda do Lagares na zona
O alcalde explicou que ademais de “ser imprescindible para o proceso de aplicación tecnolóxica e de formación, recuperará o Lagares como zona de paseo nese tramo”.
Abel Caballero avanzou en rolda de prensa que a Xunta de Goberno Local aprobará este xoves de xeito inicial o estudo de detalle do World Car Center. Logo este instrumento pasará a información pública co prazo dun mes.
Este trámite permite avanzar cara a construción do edificio que albergará o centro tecnolóxico e empresarial para a automoción: “dará acomodo para facer unha aceleradora de start-ups, espazos para a universidade de CEAGA, un espazo corporativo do Hight Tech Auto e un centro de experiencia formativa”, explicou o rexedor.
O rexedor manifestou que “Vigo ten unha gran industria da automoción” e destacou o aproveitamento do proxecto para seguir recuperando a senda do Lagares: “Vai ter unha importante recuperación na zona. Agora está deteriorada e coa obra recupérase a zona de paseo”.
Caballero lembrou que vai ser un edificio cun notable trazado arquitectónico, con sete andares e 14.000 metros cadrados útiles.
Contratación de interinos
A Xunta de Goberno Local tamén aprobará a contratación extraordinaria de oito funcionarios interinos para a atención na portería dos centros educativos públicos da cidade debido á acumulación de tarefas. O nomeamento terá unha duración de nove meses, como marca a lei.