O Concello verifica xa os aloxamentos ofertados para os refuxiados de Ucraína
Abel Caballero explicou que se teñen recibido unhas vinte propostas, que están a ser avaliadas para comprobar que reúnen as condicións. As cidades, engadiu, “estamos na planificación da rede de acollida”, en coordinación coas ONG, o Goberno de España e Europa. Vigo gardou este mércores cinco minutos de silencio en apoio ao pobo ucraíno e condenando a invasión.
O alcalde e presidente da FEMP, Abel Caballero, participou de forma telemática no acto organizado en Madrid baixo o título “O compromiso local con Ucraína”, coa presenza de Dmitry Matyushenko, ministro conselleiro da Embaixada de Ucrania en Madrid, Pilar Cancela, secretaria de Estado de Cooperación Internacional, e Jesús Javier Perea Cortijo, secretario de Estado de Migracións.
En declaracións posteriores, Caballero explicou que se traballa na preparación das redes de acollida dos millón e medio de refuxiados e refuxiadas que sairán de Ucraína por mor da invasión do exército de Putin. “As redes de acollida acaban sempre nos concellos e xa estamos a prepararnos”, manifestou o alcalde.
O Goberno de España, segundo trasladou o alcalde, aconsella aos particulares que a axuda á cidadanía ucraína se canalice a través de transferencias económicas ás ONG que traballan no terreo. En segundo lugar, se están a recibir ofertas de vivenda para acoller aos refuxiados. A este respecto, Caballero indicou que neste momento a Unión Europa está comezando a facer a distribución por países; unha vez estea completada, os cidadáns e cidadás chegarán aos tres grandes centros de acollida que ten España (Barcelona, Madrid e Alacante) para finalmente desprazarse ás urbes de acollida.
Vigo está a ofertar un “número moi significativo” de espazos para darlles cabida, sobre unha vintena, aproximadamente, que o Concello xa está a comprobar para garantir que reúnen as condicións pertinentes. Ademais, o goberno de Vigo está en contacto as entidades humanitarias coas que opera o Estado para ter lista a rede de hoteis e vivendas da cidade.
“A rede significa o acompañamento, e aí estamos entrando en contacto coa poboación ucraína en Vigo para que nos apoien”, manifestou o alcalde, quen subliñou que se precisa tradución e escolarización e sobre todo “que a recepción sexa o máis acolledora posible” na cidade.
A Praza do Rei acolleu este mércores a ducias de persoas, entre as que se citaron o alcalde e edís municipais, para apoiar ao pobo ucraíno e mostrar a condena da invasión militar. O Concello convocou a concentración, que impulsou o propio Abel Caballero como presidente da Federación Española de Municipios e Provincias.