Escoitar

Caballero: “Precisamos aloxamento para os refuxiados que cheguen de Ucraína”

O Concello canaliza a través do teléfono 010 as ofertas de aloxamento que están a chegar da cidadanía para atender aos refuxiados que cheguen de Ucraína. O alcalde mantivo unha xuntanza cos responsables de Accem en Galicia para coordinar a acollida destas persoas.

xoves, 10 mar 2022
Abel Caballero xunto a edil de Benestar Social, Yolanda Aguiar na xuntanza con Accem
Abel Caballero xunto a edil de Benestar Social, Yolanda Aguiar na xuntanza con Accem

Abel Caballero requiriu aos cidadáns de Vigo que están a chamar ao teléfono 010 que “neste momento o que fundamentalmente necesitamos é oferta de aloxamento para acoller aos refuxiados que cheguen de Ucraína”.

O alcalde mantivo unha xuntanza cos responsables de Accem en Galicia, unha ONG que traballa con persoas refuxiadas, migrantes e colectivos vulnerables. Xuntos acordaron manter a coordinación ante a chegada das persoas que foxen da guerra en Ucraína.

Caballero agradeceu a solidariedade dos veciños e veciñas de Vigo: “Algunhas persoas están a ofrecer acollemento para os menores, outros ofrecen habitacións, casas en segundas residencias... tamén hai xente que ofrece os seus servizos profesionais de balde como psicólogos o tradutores... O que máis precisamos é aloxamento. As persoas refuxiadas teñen unha asignación económica para poder realizar a súa vida, pero os primeiros meses é posible que necesiten unha casa ou habitación”

O rexedor tamén incidiu na recomendación de facer achegas económicas ás ONG que están a traballar nos campos de refuxiados. Estas asociacións que garanten a chegada dos cartos son a Coordinadora Española de ONGD, Cruz Roja Internacional, OCHA e ACNUR. “Precisan de cartos, non de bens como roupa ou comida. Calquera contribución por pequena que sexa é unha axuda”.

“O mellor e que a acollida se realice pola vía dos gobernos fronteirizos e que logo Europa distribúa os refuxiados ao resto de países da UE. Unha vez en España poderán acudir aos centros de recepción que o Goberno de España porá en Madrid, Barcelona e Alicante e deste xeito terán a documentación para poder desenvolver a súa vida normal”, explicou o alcalde. Subliñou que “o primeiro e ter a autorización temporal para poder ter os papeis en regra e ter acceso ao colexio se fora necesario, á sanidade...”.

Hoxe publícase no BOE a Orden polo que se desenvolve o procedemento para o recoñecemento da protección temporal a persoas afectada polo conflito de Ucraína.

Descargar todas as imaxes