Escoitar

O Concello aprobou o proxecto de compensación do Barrio do Cura, que podería iniciar as obras este ano

O seguinte paso será ratificar o proxecto de urbanización e solicitar os informes preceptivos ás administracións, para someter ambos a exposición pública, segundo explicou este xoves Abel Caballero, de cara á luz verde definitiva. “O Barrio do Cura continúa a súa marcha e agardamos completalo o antes posible”, valorou o alcalde.

xoves, 24 feb 2022
Imaxe de arquivo do alcalde durante unha visita ao piso piloto da promoción.
Imaxe de arquivo do alcalde durante unha visita ao piso piloto da promoción.

A última reunión do Consello da Xerencia municipal de Urbanismo deu luz verde de forma provisional ao proxecto de compensación do Barrio do Cura. “En breve”, engadiu Caballero, “aprobaremos o proxecto de urbanización” e, para a ratificación definitiva, tamén terán que recibirse os preceptivos informes das administracións implicadas. Ambos documentos sairán ademais a exposición pública.

Cando os dous proxectos estean aprobados de forma definitiva, o Concello estará en disposición de conceder as licencias. A previsión, avanzou o alcalde, é que as obras poidan comezar este mesmo ano.

“Será unha obra importantísima”, manifestou Caballero, con parcelas para equipamentos e para o propio Concello, que recibirá á correspondente para o 10% de edificabilidade que lle corresponde. O alcalde tamén puxo en valor que a cidade vai dispor dun millar de metros cadrados aproximadamente para a nova escola infantil municipal, zonas verdes e espazos de titularidade municipal.

Descargar todas as imaxes