Escoitar

Aprobada a modificación orzamentaria para incorporar 45,8 millóns de euros remanentes

A sesión plenaria do mes de febreiro deu luz verde, co voto en contra do PP, Grupo Mixto e do concelleiro non adscrito, á aprobación inicial da modificación de crédito extraordinario e suplemento de crédito co remanente líquido de Tesourería. “Vigo é cidade modelo de España”, apunta o alcalde.

mércores, 23 feb 2022
Jaime Aneiros, edil de Facenda, nun momento da súa intervención
Jaime Aneiros, edil de Facenda, nun momento da súa intervención

O edil de Facenda, Jaime Aneiros, defendeu que a incorporación dos 45,8 millóns de euros procedentes do aforro do Concello servirán para “impulsar aínda máis o investimento produtivo da cidade, que permite mellorar as condicións de vida das persoas e activar a economía da primeira cidade de Galicia xerando emprego e mantendo a capacidade de gasto de tódolos sectores. Se hai emprego hai comercio, hostalería, servicios, demanda. Mantemos a dinamización da actividade económica”.

Segundo expuxo na súa intervención, a modificación orzamentaria enmárcase dentro dunha “programación plurianual” do goberno de Vigo que suma aos recursos ordinarios de 2022, máis de 285 millóns de euros de orzamento - dos que máis de 40 son investimentos-, 45,8 millóns de euros para financiar 60 actuacións adicionais en infraestruturas, en servizos como desinfección Covid, contratos de escolas infantís municipais, formación, melloras do sector terciario. Amais, Jaime Aneiros destacou que o Concello ten “solvencia financeira, non temos débedas e podemos empregar o aforro poñéndoo ao servizo da cidadanía”, tendo nestes momentos máis de 100 actuacións activas en todo o termo municipal.

O alcalde defendeu que o voto a prol da modificación orzamentaria é o voto para “decidir apoiar a cidade”, que a OCU sitúa como a de maior calidade de vida de España e afirmou que “Vigo é a cidade modelo de España”.

No debate plenario, o concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas, cualificou a proposta como o “resultado directo da falla de xestión do goberno municipal” e lamentou que non vai ser executada este ano.

O voceiro do Grupo Mixto, Rubén Pérez Igrexas censurou que o goberno municipal responda “a esta gran mobilización con accións ordinarias en actuacións que xa estaban financiadas co orzamento ordinario” e pediu que o remanente se centre na recuperación económica.

Alfonso Marnotes, voceiro do grupo popular, apuntou que a acumulación de remanente “é unha xigantesca ola de neve porque non son capaces de xestionar”, expoñendo que os cartos deben utilizarse no exercicio no que se incorporan e “sabemos que non van ser quen de facelo”.

Jaime Aneiros lamentou que os tres edís “non entenderan nada” sabendo que o gasto de todo o investimento é inexecutable no exercicio en curso e instounos a “dicir claramente” que rexeitan que a cidade invista no Paseo e Bouzas, no ascensor Halo, nas escolas infantís ou nas bolsas de inglés. “Estamos acompasando o financiamento dos proxectos estratéxicos da cidade co investimento. Toda a cidade atendida e humanizada”.

Liquidación do Orzamento de 2021

O concelleiro de Facenda deu conta na sesión plenaria deste mes de febreiro da Liquidación do presuposto do ano 2021 que “recibiu a cualificación de sobresaínte na avaliación” e que se pechou con 101 millóns de euros en investimentos. Jaime Aneiros resumiu o exercicio apuntando os indicadores positivos da liquidación: o Concello ten débeda cero e un remanente de tesourería positivo polo que “hai solvencia para incrementar orzamento”, é a segunda cidade de España con menor presión fiscal, segundo avalan organismos independentes, e os impostos son menores á inversión por habitantes, polo que “a balanza fiscal sempre é favorable á cidadanía”.

Descargar todas as imaxes