A Corporación municipal aproba o estudo de detalle para ordenar o ámbito de Hernán Cortés
A concelleira de Urbanismo expuxo no Pleno os detalles da actuación prevista na confluencia de María Berdiales con Doutor Colmeiro Laforet e Hernán Cortés, un ámbito de 1.776 metros cadrados. Foi aprobada cos votos favorables do PSOE e do PP, mentres o Grupo Mixto e o concelleiro non adscrito se abstiveron.
María José Caride explicou que se trata dunha “actuación cativa pero moi importante dada a contorna” na que se sitúa e que “vai permitir rexenerar unha parte importante do centro da cidade”. O estudo de detalle presentado afecta a un espazo de 1.776 metros cadrados no que se contempla unha praza de uso público de 817 metros cadrados con dous volumes edificatorios dun máximo de 8 plantas e 63 vivendas posibles.
Tal e como apuntou, os terreos están en solo consolidado, nunha contorna con déficit de espazos verdes e públicos, coa necesidade de xerar espazo aberto tamén para a dotación educativa da zona. Co fin de conseguir unha ordenación axeitada do ámbito, o Concello elaborou un estudo de detalle para definir con precisión as aliñacións, volumes, espazos de uso público e mellorar a contorna das edificacións anexas. Esta actuación intégrase na mellora e rehabilitación da parte consolidada da cidade, respectando as condicións do estudo de detalle: completar as aliñacións, ordenar volumes e concretar as opcións estéticas do planeamento.
O concelleiro non adscrito, Xabier Pérez Igrexas amosou o posicionamento favorable á urbanización do ámbito malia “denunciar o urbanismo a anacos”.
Rubén Pérez, edil do Grupo Mixto, explicou a súa abstención dado que “nos gustaría que a maioría das promocións foran de iniciativa pública nos cascos históricos” e puxo en dúbida o cumprimento do catálogo de protección de edificios.
O voceiro popular, Alfonso Marnotes trasladou o seu apoio ao estudo de detalle, nun ámbito no que os “propietarios presentan un proxecto adaptado á ordenación, non temos nada que obxectar”. Con todo, lamentou que estea sen executar o PEEC e que o PXOM vaia deixalo sen efecto.
A edil de Urbanismo, María José Caride, ratificou que “os edificios a conservar son os que están no Catálogo” e “as decisións tómanse respectando o catálogo de proteccións dos edificios”. Amais, sinalou que o goberno municipal ten que “velar porque todas as promocións promovan o benestar da cidade, sexan de quen sexan”.