Escoitar

Vigo pide á Xunta unha residencia de maiores en Teis, no solo que ofreza o Concello

A moción socialista recolle a escaseza de prazas na cidade onde a Xunta non constrúe unha residencia pública desde hai máis de 12 anos. Foi aprobada na sesión plenaria deste mércores cos votos favorables do Grupo mixto e do concelleiro non adscrito e co voto en contra do PP.

mércores, 23 feb 2022
Yolanda Aguiar durante a súa intervención no Pleno deste 23 de febreiro
Yolanda Aguiar durante a súa intervención no Pleno deste 23 de febreiro

A concelleira de Política de Benestar Social, Yolanda Aguiar, expuxo que Vigo é a cidade de Galicia coa peor ratio de prazas residenciais para persoas maiores por habitante, xa que non acada o 2,6% da media nacional. Segundo os datos que achegou, a cidade precisaría 3.500 prazas residenciais cando, en realidade, a Xunta soamente oferta 604 na área viguesa e non constrúe unha residencia pública para maiores en Vigo desde hai máis de 12 anos.

Por estes motivos, o grupo socialista insta á Xunta de Galicia a situar unha residencia de maiores na zona de Teis que sinale o Concello, que ofrece o chan, para que os usuarios estean nunha zona conveniente para eles e que aposte por una modelo residencial que respecte a dignidade dos maiores, a súa independencia, a súa autonomía, liberdade e a vida en comunidade.

A moción demanda ao goberno autonómico que integre en tódolos comités de decisión e mesas de diálogo aos representantes dos usuarios e familias das residencias e que desenvolva un plan de inspección rigoroso, que vele polo cumprimento das obrigas das empresas concesionarias, nomeadamente, das ratios de persoas adscrito ás residencias e polo seu cumprimento as 24 horas do día.  

Reforzo da atención á saúde mental

O Pleno aprobou tamén, coa única abstención do PP, un dos puntos da moción do Grupo Mixto para o desenvolvemento dun Plan Municipal de Saúde mental, instando ao goberno autonómico a reforzar a atención á saúde mental na sanidade pública galega, aumentando o número de especialistas en Psicoloxía Clínica, tanto nas unidades hospitalarias coma na Atención Primaria, co obxectivo de reducir as listas de agarda.

Oriana Méndez, edil do Grupo Mixto, defendeu o texto poñendo sobre a mesa a “insuficiencia de recursos públicos na atención á saúde mental” con ratios deficitarias de profesionais, longas listas de agarda, unidades de saúde mental con sobrecarga e falta de programas específicos de prevención ou promoción da saúde. Así, a moción solicita amais o reforzo dos servizos de saúde mental infanto-xuvenil na Área Sanitaria de Vigo onde debe crearse unha unidade hospitalaria de rehabilitación psicosocial.

 

Descargar todas as imaxes