O Pleno insta á Xunta a construír un pavillón deportivo e non facer uso do IFEVI para a práctica deportiva
O Grupo Socialista sinala que destinar dous pavillóns do IFEVI ao uso da práctica deportiva produciría un gravísimo dano na economía da cidade. Tamén se aprobaron as mocións que instan á Xunta á apertura dos xulgados 24 horas e a promoción de vivenda pública en Vigo.
O Grupo Socialista pediu á Xunta a construción dunha nova instalación na cidade destinada expresamente á práctica deportiva e que para iso “contará coa colaboración do Concello nos aspectos que sexan necesarios”.
O edil que defendeu a moción, Carlos López Font, instou á Xunta a retirar a proposta de convenio co IFEVI de destinar dous pavillóns ao uso da práctica deportiva, ao que sinalan que produciría un gravísimo dano a economía da cidade. “O IFEVI é fundamental na dinamización da economía de Vigo e Galicia. Sempre foi un punto de encontro institucional, pero desde que cambiou o Padroado todo iso mudou”, explicou no Pleno. O concelleiro socialista pediu á representación da Xunta no Padroado “centrar as súas propostas e achegas á xestión do recinto feiral no estrito ámbito que lle corresponde, que non é outro que a xestión de eventos”.
López Font tamén exixiu ao goberno autonómico a facer cumprir os compromisos de investimentos en instalacións deportivas, transferindo ao Concello os 5 millóns comprometidos polo goberno de Feijóo.
Xulgados de garda as 24 horas
Tamén os socialistas aprobaron cos votos a favor do seu grupo, o mixto e o edil non adscrito, e a abstención do Popular, instar á Xunta a implantar de forma inmediata as gardas de 24 horas aos xulgados de instrución de Vigo, dotándoos dos medios persoais e materiais axeitados e necesarios para “rematar coa discriminación histórica con respecto ao resto de partidos xudiciais de similares características do Estado, que xa teñen implantado este sistema”, expresou a edil Yolanda Aguiar.
Aguiar manifestou que este sistema “permitiría facer fronte ao traballo cunha maior axilidade ao estar abertos os xulgados de garda as 24 horas, o que redundaría na mellora do servizo público de xustiza en favor dos cidadáns, e facilitaría a conciliación laboral e familiar dos traballadores e, ademais, un sistema moitísimo máis garantista coas persoas detidas”.
Vivenda protexida
A concelleira de Urbanismo, María José Caride, defendeu promover novos ámbitos de vivenda protexida en Vigo, para dar resposta a demanda dos veciños e veciñas da cidade. Deste xeito, lamentou que a Xunta non respondera de xeito positivo ao requirimento do Concello de incorporar novas vivendas no Plan Xeral de Ordenación Municipal, “polo que a actuación do goberno autonómico en materia de vivenda hasta 2050 serán ás 1.600 vivendas de Navia prometidas no 2008, cando en Vigo hai 5.830 demandantes”, afirmou Caride.
A edil socialista defendeu a actuación do PXOM “como plan de choque para paliar a demanda de vivenda protexida existente na actualidade o que a Xunta non da reposta” e defendeu que “o plan de choque será executado polo Concello”.
O Grupo Socialista e Mixto votaron a favor. O edil non adscrito abstívose e o Partido Popular rexeitou a moción.