O alcalde aborda coa directiva de Conxemar a situación do Ifevi e a autovía en túnel a Porriño
No encontro, celebrado no Concello, puxeron sobre a mesa a “imprescindible” autovía en túnel entre Vigo e Porriño, a vontade da Xunta de Galicia de destinar dous pavillóns do Ifevi ao deporte e a necesidade de reformular os accesos ao recinto feiral de Vigo.
Abel Caballero mantivo un encontro este luns con José Luis Freire, presidente de Conxemar, e con Eloy García, vicepresidente da feira internacional de produtos conxelados do mar, que se celebrará no Ifevi entre o 4 e o 6 de outubro de 2022.
En rolda de prensa, o rexedor explicou que falaron da autovía en túnel a Porriño que “o mundo da industria e do mar entende que é imprescindible” para conectar Vigo con Porriño sen necesidade de continuar coa “vella autovía chea de curvas, que é a posición que defendo como alcalde”.
Amais, Caballero informounos do “intento da Xunta de Galicia de que o Ifevi lle regale “ dous pavillóns, o 3 e o 5, que deixarían de estar dedicados a feira de mostras e pasarían a ser pavillóns deportivo da Xunta. “Un ataque directo á economía da cidade. Non daban crédito. E pedíronme que lle mandaramos a documentación”, detallou o alcalde que cualifica esta decisión de “durísima agresión á economía de Vigo; transformar o Ifevi nun ámbito deportivo deixando o ámbito expositivo sen capacidade de contratar tódalas feiras que aparezan”. Así, adiantou que o goberno municipal levará aos tribunais este “ataque da Xunta de Galicia contra a economía da cidade”.
Na reunión, Caballero abordou coa directiva de Conxemar os accesos ao Ifevi e o aeroporto, “que son todos da Xunta ou do Goberno de España; non hai ningún que sexa da cidade”, polo que emprazou ao goberno autonómico a “resolver os accesos agora que ten toda a propiedade e capacidade, ten a maioría total e absoluta no Ifevi”, que é, ao seu entender, a “a grande feira industrial de Galicia”. Para ese fin “ten toda a miña cooperación e adianto que imos presentarlle como deben ser os accesos ao Ifevi”.