Escoitar

Vigo festexa o Entroido con desfile de comparsas e carrozas e animación na rúa

O alcalde deu conta este venres da programación municipal para festexar o Entroido, que se desenvolve entre o venres 25 de febreiro e o mércores 2 de marzo, cun orzamento superior aos 90.000 euros.

venres, 11 feb 2022
O alcalde, este venres en rolda de prensa.
O alcalde, este venres en rolda de prensa.

O programa previsto polo goberno municipal comeza o venres 25 de febreiro coa entronización do Meco en Policarpo Sanz (diante do Teatro García Barbón) ás 20 horas da tarde.

O sábado 26, ás 18 horas, comeza o desfile de comparsas e carrozas que parte desde As Travesas e Praza América, circulando por Camelias e rematando en Venezuela, á altura da rotonda do Bicentenario. A partir das 21 horas, concerto de Cherry Sweet no escenario de Policarpo Sanz.

O domingo 27, dende as 17 horas, desenvolveranse actuacións infantís e obradoiros na carpa instalada na Praza do Rei onde o luns 28 se celebran tamén obradoiros e animación infantil entre as 17 e as 20 horas do serán. Tamén pola tarde, ás 18 horas, haberá animación nas rúas do centro da cidade.

O martes 1 de marzo, o Concello convoca o concurso de disfraces na carpa de Praza do Rei con modalidade infantil e de adulto dende as 17:30 horas da tarde. Tal e como explicou o rexedor, ás 21 horas da noite do martes realizarase a queima do Meco en Policarpo Sanz e haberá concerto de Broken Peach, con horario por confirmar.

O Entroido chega ao seu fin o mércores 2 de marzo ás 18 horas coas exequias funerarias, o desfile e acompañamento das comparsas á comitiva fúnebre pola zona centro da cidade e co enterro do Meco en Policarpo Sanz dende as 19:30 horas. Ao termo, darase lectura á acta do xurado dos concursos de disfraces.

Durante o Entroido haberá animación na rúa por diferentes zonas do centro da cidade, salvo martes e mércores que son os días “de loito”. A Agrupación de Centros Culturais e a Federación de Peñas “El Olivo” colaboran co Concello na organización desta festa.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes