O alcalde eloxia “as ideas e a ilusión” de Zona Náutico e a súa campaña de San Valentín
Abel Caballero e o concelleiro de Comercio, Ángel Rivas, participaron este xoves na presentación do vídeo promocional da entidade para este 14 de febreiro. O alcalde aproveitou o acto, celebrado en Rosalía de Castro, para anunciar a instalación dun busto da poetisa e novelista galega na rúa que leva o seu nome.
A Asociación de Comerciantes e Hostaleiros Zona Náutico presentou este xoves a súa campaña para San Valentín, cun vídeo de promoción dos establecementos do entorno proxectado na confluencia de Rosalía de Castro coa rúa Oporto. O evento contou coa presenza do alcalde, Abel Caballero, e do edil de Comercio, Ángel Rivas.
Logo dunhas verbas de introdución a cargo do responsable da entidade, Rubén Pérez, proxectouse un vídeo de algo máis de tres minutos de duración e tomou a palabra o alcalde, quen felicitou aos organizadores “polas ideas, pola ilusión”, porque é “importante que atopemos a atracción do pequeno e mediano comercio”, en particular nunha zona que é “unha parte de Vigo excepcionalmente notable, na que se xuntan a cultura do ocio, compatible co residencial e coa dinámica comercial”.
“Nesta zona da cidade se xunta todo, todos os valores que fan de Vigo unha cidade única e irrepetible”, valorou Abel Caballero, quen mostrou o seu “entusiasmo” pola proposta comercial promovida por Zona Náutico, aos que felicitou. Ao remate das intervencións, as autoridades visitaron catro establecementos do entorno.
Por último, coincidindo que o acto se celebrou en Rosalía de Castro, o alcalde aproveitou a ocasión para anunciar o emprazamento na rúa que leva o seu nome dun busto da autora universal: “Estamos a punto de instalar un busto de Rosalía de Castro excepcionalmente fermoso, aquí, nesta rúa”, subliñou.