O alcalde louva o “balance moi positivo” do Mar de Vigo, que acolleu a case 54.000 persoas no 2021
O alcalde, Abel Caballero, acompañado do responsable do Auditorio, Iñaki Teixeira, presentou este mércores os resultados do espazo no pasado 2021, ano no que “o Mar de Vigo aguantou e aguantou francamente ben” pese á pandemia. Do total de asistentes, 43.000 presenciaron algún espectáculo e 11.000 asistiron a congresos ou feiras.
“Balance moi, moi positivo, dadas as circunstancias, a pandemia e os brotes da pandemia”. Abel Caballero resumiu este mércores en rolda de prensa a actividade do Auditorio Pazo de Congresos Mar de Vigo no último ano, un exercicio no que o inmoble da Avenida de Beiramar “aguantou e aguantou francamente ben”.
Segundo os datos ofrecidos polo alcalde, un total de 53.941 persoas pasaron polo Mar de Vigo ao longo de todo o ano 2021, das cales 43.041 asistiron a algún dos múltiples espectáculos que acolleu o recinto, mentres que un total de 10.900 persoas asistiron presencialmente a congresos, feiras ou actos celebrados neste espazo.
Por segundo ano consecutivo, o Festival TerraCeo converteuse no evento que recibiu un maior número de espectadores. Un total de 24.783 persoas pasaron polos 54 concertos celebrados na terraza do Auditorio Mar de Vigo en 2021, o que supón un incremento de máis de 10.000 espectadores con respecto a 2020. TerraCeo pasou a media do 90% de ocupación en todos os seus concertos, un dato que Caballero puxo en valor en rolda de prensa.
O Mar de Vigo tamén completou un bo ano no apartado de congresos, feiras profesionais e actos de diversas entidades, polos que pasaron 10.900 persoas polas súas diferentes salas e hall do edificio.
A música como parte importante dunha gran variedade de espectáculos
O Auditorio Mar de Vigo mantivo todo o tempo a súa programación, variada, transversal e transxeracional, converténdose nun referente de xestión da cultura nun difícil contexto de pandemia. As actuacións adaptáronse ás limitacións de aforo e ás circunstancias sociosanitarias, procurando ter activos a maioría dos espazos, para que tanto artistas como promotores musicais -un sector moi importante en Vigo- non tivesen un parón no seu traballo e colaborar en manter a actividade económica do sector.
Entre as actuacións musicais que máis éxito cultivaron están as de Sidonie, El Kanka, Carlos Sadness ou Funzo & Baby Loud, que deberon dobrar as súas funcións en TerraCeo ou o inicio da xira de Love of Lesbian, que encheu a sala principal do Auditorio. Polo recinto tamén pasaron artistas internacionais como Kevin Johansen, Jorge Drexler, Dulce Pontes ou Myles Sanko.
O outono de 2021 supuxo tamén un primeiro paso para a recuperación dos espectáculos corais e a volta dos musicais á programación. Entre eles, ‘Coco, Recuérdame’, o musical familiar que tivo que facer dobre función, polo que pasaron preto de 2.500 persoas, ou o primeiro gran musical drag en España, ‘El Gran Hotel de las Reinas’, co que gozaron máis de 1.500 espectadores. Un enorme éxito tivo tamén o ‘Estirando el chicle’, o espectáculo que parte do podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín, que esgotou todas as entradas en poucas horas.
Espectáculos infantís como ‘10 años de Pica-Pica’, ou ballets clásicos como ‘El Casanueces’ ou ‘El Lago de los cisnes’, encheron tamén a sala central do Auditorio Mar de Vigo, o que reflicte o éxito dunha programación destinada a cubrir diferentes franxas de idade e moi variada: desde concertos de música pop, pasando por teatro, musicais, actuacións infantís, ópera, ballet, monólogos ou música clásica.
Feiras e congresos e inicio dunha transición cara ao streaming
No 2021, o Mar e Vigo volveu retomar tamén a súa actividade como lugar de congresos internacionais e espazo de referencia para feiras profesionais, converténdose nun epicentro social e económico.
Sen dúbida, o máis relevante foi o Congreso Internacional de Nutrición y Salud FAO / CONXEMAR, que contou coa presenza da Raíña Letizia, ao que puideron asistir presencialmente 500 persoas chegadas de diversos países do mundo. O congreso de Navalia, que supuxo o primeiro encontro profesional de empresas do sector marítimo tras dous meses de pandemia, ou o da Asociación de Industrias do Metal (Asime), tamén se celebraron no Mar de Vigo.
O Simposio Nacional da Iluminación, con profesionais chegados de toda España, o Congreso de Inspectores de Facenda ou a feira de universidades Unitour, son outros dos encontros de relevancia celebrados no recinto.
Todos estes congresos tamén tiveron como novidade o reforzo técnico de auditorio en materia de streaming, chegando a sumar 5.000 espectadores que se conectaron desde diferentes países de todo o mundo. Outras entidades de prestixio celebraron no Mar de Vigo galas anuais, como o Pleno Xeral da Real Academia Galega, con motivo do Día das Letras Galegas, a Gala de Turismo da Deputación de Pontevedra ou a de Vigueses Distinguidos do Concello de Vigo. Así mesmo, numerosas facultades da Universidade de Vigo e varios centros educativos da cidade, elixiron este espazo para os seus actos de gradación.