Escoitar

O Concello prevé iniciar a obra do ascensor HALO no mes de xullo

Abel Caballero informou do avance na tramitación do proxecto construtivo do ascensor entre García Barbón e Vía Norte, que sairá a licitación por 12,6 millóns de euros, o que supón un incremento do orzamento dada a alza das materias primas e os custos de construción.

martes, 8 feb 2022
O rexedor durante a rolda de prensa deste martes
O rexedor durante a rolda de prensa deste martes

“É unha das grandes obras da historia da cidade e constituirase na icona máis importante de Vigo pola utilización e polo significado técnico e escultórico”, apuntou o rexedor, xa que permitirá poñer en contacto dúas zonas e entre 30, 40 e 50.000 habitantes e “que vai ter unha mobilidade extraordinaria de ducias de miles de persoas” ao comunicar García Barbón e Vía Norte “en dous minutos”.

En rolda de prensa, Caballero explicou que o proxecto do ascensor HALO saíu dun concurso público de ideas cun orzamento “moi estimativo non baseado no proxecto”. Desde entón, o goberno municipal elaborou o proxecto cun orzamento definitivo “nun contexto de incremento moi importante do custo das materias primas e dos custos de construción. O aceiro e o vidro subiron de forma moi moi importante e unha parte central do ascensor ten que ver con estes materiais”, sinalou. Así, a obra sairá a licitación cun presuposto aproximado de 12,6 millóns de euros, incrementándose o previsto inicialmente.

O alcalde deu conta dos avances na construción do ascensor HALO “moi complexo, moi difícil e de gran importancia”. O Concello dispón xa da autorización sectorial de ADIF e contará “de forma inmediata” coa autorización do Ministerio de Transportes.

A tramitación iniciarase neste mes de febreiro coa aprobación do proxecto construtivo, contando xa con parte da documentación para poder licitar a obra con celeridade, unha vez aprobado o proxecto.

Queremos empezar no mes de xullo, é complexa, faise cun contrato harmonizado, que se publica en boletíns europeos e ten un período de recurso especial”, o que significa que unha vez adxudicada cómpre esperar 15 días para a firma do contrato, e ten un prazo de execución de 12 meses.

 

 

 

 

 

Descargar todas as imaxes