Vigo celebra o Día internacional da muller e a nena na ciencia con obradoiros para 350 escolares
O alcalde achegouse ata o Verbum este venres, último dos tres días nos que o Concello organizou actividades científicas para alumnado de 5º e 6º de Primaria de distintos colexios. O obxectivo, dar a coñecer o traballo das mulleres científicas na historia.
Este venres, 11 de febreiro, se conmemora o Día internacional da muller e a nena na ciencia. Para celebralo, o Concello de Vigo programou tres días de obradoiros científicos -do mércores ao venres- para alumnado de quinto e sexto de Primaria de varios centros educativos.
Guiados por monitores que cursan o Grao de Enxeñería Biomédica, os estudantes recibiron a formación en actividades científicas con “moita aceptación”, segundo afirmou Caballero. A administración local procura “lanzar os procesos técnico científicos”, engadiu, e dar a coñecer ao alumnado o traballo das mulleres científicas ao longo da historia.
A programación pecharase cunha charla coloquio o próximo mércores, 16 de febreiro, ás 16:30 horas, con Ana Mejías de invitada. A cita está dirixida a chicos e chicas de 4º da ESO, con ata cento cincuenta prazas de aforo máximo.
Mejías é profesora da Universidade de Vigo, subdirectora da Escola de Enxeñería Industrial desde o ano 2004 e concelleira de I+D e Dinamización administrativa no goberno de Vigo. Segundo adiantou o alcalde, a conferencia levará por título “Enxeñería: a vocación de cambiar o mundo coa ciencia e a tecnoloxía”.