Escoitar

Última semana para optar á formación musical gratuíta da Fundación Paideia, co apoio do Concello

Abel Caballero recordou que este venres, 18 de febreiro, conclúe o prazo para anotarse ao proxecto, dirixido a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir un plan de negocio dos seus proxectos artísticos. O Concello coopera coa cesión dos espazos.

luns, 14 feb 2022
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.
Abel Caballero, este luns en rolda de prensa.

Aqueles interesados en participar nesta iniciativa poden inscribirse ata este venres, a través de www.paideia.es ou de www.eoi.es. Pode solicitarse información chamando ao 981 910 100.

Esta acción formativa, que comezará o próximo 25 de febreiro, está enmarcada nun convenio asinado entre a Fundación Paideia Galiza e EOI - Escola de Organización Industrial para a posta en marcha acciones formativas dirixidas a emprendedores e emprendedoras musicais. Esta primeira edición de 2022 conta coa colaboración do Concello de Vigo, que poñerá ao dispor do alumnado do curso o espazo Vigosónico, un centro dedicado á música e destinado á mocidade viguesa.

Contará cun total de 60 horas formativas presenciais e 40 de titorías individuais para cada un dos proxectos musicais participantes. As sesións presenciais desenvolveranse os venres pola tarde en horario de 16:00 a 20:00h en Vigosónico, un espazo do Concello de Vigo equipado con salas de ensaio e formación e cun estudo de gravación. Participarán como relatores e titores recoñecidos/as profesionais da industria musical como Almudena Herdeiro (directora de Primavera Prol), Celia Carrillo (Directora Xeral de LIVENow Spain) ou Tomás Fernando Flores (Director de Radio 3). O alumnado recibirá ademais formación na metodoloxía Lean Startup, que será impartida por diferentes expertos/ as na materia.

A Fundación Paideia e EOI impulsan, en colaboración co Concello de Vigo, unha nova acción formativa dirixida a emprendedores e emprendedoras musicais. É unha nova convocatoria do Espazo Coworking Go2 Work dirixida a persoas emprendedoras do sector musical que busquen definir o plan de negocio dos seus proxectos artísticos.

O Coworking Go2 Work é un programa de desenvolvemento profesional sen custo para os seus participantes, grazas ao cofinanciamento do Fondo Social Europeo, que ofrece unha formación especializada para a xestión de proxectos musicais a través de clases presenciais combinadas con titorías individuais. É un espazo de traballo destinado a persoas emprendedoras, que está concibido para incrementar as probabilidades de éxito dos proxectos participantes en fase temperá de desenvolvemento.

Descargar todas as imaxes