Escoitar

O Concello distribúe un libro con poesía e pictogramas para escolares de cero a tres anos

O alcalde, Abel Caballero, e a autora, Adela Pintado, presentárono este martes no Concello, un material didáctico xurdido do confinamento que mistura rimas breves e pictogramas para facilitar a aprendizaxe das tarefas diarias dos nenos e nenas nas clases. O Concello entrégao de balde ás escolas infantís.

martes, 1 xuñ 2021
Adela Pintado e Abel Caballero.
Adela Pintado e Abel Caballero.

Caballero louvou a iniciativa da creadora, un libro “tan útil e cheo de acción educativa e capacidade” que o Concello reparte entre os centros de cero a tres anos da cidade, a razón de tres exemplares por cada un.

O traballo naceu do confinamento, explicou Pintado, un tempo no que a autora puido centrarse en desenvolver un material expresamente creado para o traballo dos e das educadoras nas aulas da primeira etapa de educación infantil. O libro recolle imaxes e verbas dos “momentos clave” da rutina diaria dos pequenos e pequenas, explicou Pintado, como a entrada e saída ao centro, o esquema corporal, a hixiene persoal, a lectura de contos ou o patio.

Cun práctico formato, os nenos e nenas ven dun lado os pictogramas de Arasaac, mentres que, polo outro lado da folla, o mestre ou mestra pode recitar unha poesía breve, que ademais ven acompañada dunha sinxela partitura para poder ser cantada: “Porque normalmente nas aulas, máis que falar, cantamos”, argumentou a autora. Ademais, o modelo do libro permite fotocopiar con facilidade as páxinas para que poidan ser pegadas por exemplo nos baños ou onde a educadora considere de utilidade. Pintado tamén valorou que o material pode ser empregado para facilitar a aprendizaxe dos inmigrantes do noso idioma, xa que cada pictograma leva consigo a palabra en galego.

“Fíxeno coa ilusión de levar material novo ás escolas, pensando nas miñas compañeiras e agradecidísima ao Concello de que poida ser compartido con todo Vigo”, manifestou a autora ao remate da súa intervención. O libro, ademais de estar á disposición de todos os centros de cero a tres anos da cidade, tamén pode ser consultado en formato dixital na web do Concello de Vigo.

Adela Pintado e Abel Caballero.
Descargar todas as imaxes