O Concello suma 15 medianeiras ao programa de arte urbana: unha “nova forma de entender a cidade e a arte en Vigo”
Abel Caballero e Carmela Silva presentaron este martes no MARCO o VII Programa municipal de arte urbana que conta con quince novas intervencións en diferentes espazos da cidade e co que se acadarán as 150 pinturas ao aire libre en Vigo. No acto proxectouse tamén un vídeo de resumo da edición de 2020 do programa.
O programa municipal de medianeiras está en marcha na urbe desde o ano 2015 e leva realizadas arredor de 133 intervencións en espazos urbanos, na rúa e en colexios, unha traxectoria que, para o rexedor, significa que Vigo “xa se está constituíndo nunha das máis importantes cidades de arte urbana do mundo e imos continuar esta idea que se consolida e que significa unha nova maneira de entender a cidade e a arte na cidade”.
Caballero explicou que o programa de medianeiras de 2021 ten un orzamento de 243.000 euros ao que se suman máis de 100.000 euros máis para actividades educativas, culturais ou formación en colexios. A dedicación total anual ascende a case 500.000 euros para un programa que máis alá da intervención artística na rúa significa “a rexeneración da cidade, a humanización e a construción dunha nova cidade excepcional”.
O VII programa de medianeiras inclúe 15 novas obras asinadas por 15 artistas en practicamente todo Vigo: AEC Interesni Kazki na Rúa José Fiaño Señor, 12; Elisa Capdevila en Travesía de Vigo, 85; SAN (Daniel Muñoz), en Paulino Freire, 1; Expostas (Vanesa Álvarez, Lorena Arévalo, Cristina Navia e Susana Maceiras), en Mestre Chané, 9; Honey (Miguel Cajaraville), Beiramar, 115; ARYZ (Octavi Arrizabalaga) en Pablo Iglesias, 20; Xoana Almar no CEIP Emilia Pardo Bazán; Taquen en Avenida Balaídos, 31; Fundación Igual Arte, no muro Urbanización Sotavento (Paseo de Bouzas); Amaia Arrazola no Pavillón Carballal; Ana Taratiel no IES O Castro; Dispersa (Alejandra Tomei) nas escaleiras Quintela en Castelao; Roberto Argüelles no Muro CEIP Mestres Goldar; Davida (David Amoedo) nas escaleiras de Seara e The Caver (Nuno Barbedo) nas escaleiras de Hispanidade.