O rexedor felicitou ao premiado compositor galego Daniel Minimalia
É o primeiro artista galego en conseguir un Grammy por un disco propio, “Terra”, e o primeiro en España en gañar dous Hollywood Music in Media Award. Home “moi vinculado a Vigo”, Minimalia foi recibido este venres na Alcaldía por Abel Caballero.
Ao remate da reunión, Caballero louvou publicamente a prestixiosa traxectoria do galego, recentemente vencedor con “Terra” do Grammy latino na categoría de mellor disco instrumental, nunha gala con só tres españois distinguidos: Minimalia, Rosalía e Alejandro Sanz. O guitarrista é ademais o primeiro español que alzou dous Hollywood Music in Media Award.
Daniel Minimalia é un artista “moi vinculado a Vigo, con moita querenza pola cidade”, en verbas do alcalde, quen apuntou que conversaron na reunión dalgúns dos “grandes concertos” que acolleu o histórico escenario vigués de Castrelos e aos que Minimalia asistiu como público.
Orquestra KV2211
Tamén no eido musical, Abel Caballero informou este venres da subvención de 10.000 euros, aprobada na Xunta de Goberno Local que preside, á Orquestra infantil e xuvenil KV2211 para o financiamento do seu programa de concertos deste ano. O alcalde amosouse “encantado de podelos apoiar”, como formación “extraordinaria” de xente nova: “A orquestra encántame”.