Escoitar

O goberno de Vigo lanza a convocatoria con 925.000 euros de axudas ao deporte de base

O Concello aprobou as bases e a convocatoria deste ano, á que poderán optar clubs sen ánimo de lucro. O alcalde puxo en valor o incremento na contía, que no 2015 era de 430.000 euros, e trasladou que tamén se aprobou a subvención de 100.000 euros ao Coruxo como entidade de elite.

xoves, 8 abr 2021

A Xunta de Goberno Local validou este xoves as bases e a convocatoria da edición deste ano do programa de axudas a clubs e entidades deportivas sen ánimo de lucro, por un total de 925.000 euros. O Concello, pese á redución da actividade polo Covid, mantén intacta a contía, coa que se pretende apoiar os proxectos deportivos na vixente tempada 2020-2021.

Quedou aprobada tamén a axuda ao Coruxo Club de Fútbol como entidade de elite de Vigo pola dinamización do seu proxecto deportivo na temporada 2020-2021 por un importe de 100.000 euros. O rexedor destacou o apoio municipal ao Celta Zorka de baloncesto feminino que este ano suma 100.000 euros de axudas, xa que o Concello incrementou a contía achegada para financiar a fase de ascenso que disputan nestes momentos. Salientou así mesmo Caballero as axudas ao deporte de base: 40.000 euros ao deporte urbano, 50.000 euros para deportistas de alto nivel, 125.000 euros á Fundación VIDE e 308.000 euros ás escolas deportivas que suman un total de 2 millóns de euros.

Reparación muro do parque do Castro

A Xunta de Goberno Local deu luz verde ao expediente de contratación das obras do proxecto de reposición e reparación do muro no parque do Castro, que ten un orzamento de 141.209 euros para rehabilitar o muro que serve de soporte ao miradoiro superior no parque, contiguo á antiga cafetería, que se atopa deteriorado.