O xornalista radiofónico Antonio Estévez será Vigués Distinguido en 2021
A cidade recoñecerá a traxectoria profesional do xornalista radiofónico Antonio Estévez entregándolle este ano o galardón de Vigués Distinguido. Así o anunciou esta mañá o rexedor quen resaltou o prestixio deste profesional con 45 anos de oficio no mundo da comunicación.
O alcalde avanzou esta mañá a proposta de nomeamento do xornalista radiofónico Antonio Estévez como Vigués Distinguido. Especializado en deportes, actualmente traballa na COPE e ten 45 anos de traxectoria profesional. Prestixioso profesional, recoñecido a nivel nacional e considerado o “mestre” entre os seus compañeiros de oficio. Este galardón permitirá ao Concello facer extensivo o recoñecemento a toda a profesión xornalística. Antonio Estévez vén de atravesar unha situación persoal difícil, loitando case tres meses contra o covid na UCI.
Este nomeamento, que terá que ser ratificado polo Pleno da Corporación, engádese aos nomes xa propostos polo alcalde de Vigo: Francisco Castro (director da Editorial Galaxia e escritor), os centros de ensino que cumpren 50 anos (Martín Códax, Fonte Oscura e Cristo da Vitoria); as traballadoras sociais, educadoras sociais e técnicas de inclusión social do Concello; o ex subdelegado do Goberno de Pontevedra, Antonio Coello, e os Mercados Municipais de Bouzas, Calvario, Traviesas, Cabral, Berbés e Teis. No acto de entrega destes galardóns -previsto para o verán debido á actual situación sanitaria – lerá o Bando da Reconquista o seu autor, Francisco Puga, presidente de Delta Vigo.