O prazo para presentar suxestións á ordenanza de terrazas remata o 14 de abril
O Concello segue a tramitar a ordenanza de terrazas e recollerá suxestións cidadás ata o 14 de abril. A partir dese momento, comezará a redacción dun texto que prevé adaptar a actual normativa á nova situación sanitaria mantendo a taxa cero por ocupación da vía pública
O próximo mércores 14 de abril remata o período de exposición pública para que a cidadanía achegue suxestións á ordenanza municipal reguladora da instalación de terrazas que está a tramitar o Concello. O obxectivo adaptar a actual normativa á nova situación sanitaria, compaxinando o uso de actividades económicas privadas na vía pública co resto de usos compatibles no sistema viario.
A partir da semana que vén, revisaranse as suxestións para elaborar o texto definitivo, que terá que ser aprobado en Xunta de Goberno, antes de someterse ao ditame do Pleno da Corporación para aprobación provisional. O texto someterase a exposición pública e, unha vez contestadas as alegacións, a ordenanza volverá a Pleno para aprobación definitiva.
Tal e como explicou o rexedor a nova ordenanza seguirá permitindo o aproveitamento do solo con taxa cero, ademais de facilitar ampliacións de espazos para terrazas. Respecto das instalacións, será preciso manter un criterio estético por zonas e, en determinadas zonas, as terrazas poderán ser ancladas.