Escoitar

A reforma de Marcador obriga a cortar o tráfico da rúa Olímpicos o 14 e o 15 de abril

Unha vez retirada a torre de iluminación de Tribuna-Marcador, a semana que vén comezará a desmontaxe da grada de Gol, para o que será preciso cortar ao tráfico a rúa Olímpicos o 14 e o 15 de abril. Prosegue así a reforma dunha grada cun importe total de 15,5 millóns achegados ao 50% por Concello e Deputación.

xoves, 8 abr 2021

Abel Caballero deu conta esta mañá do avance dos traballos de reforma de Balaídos que proseguirán a semana que vén coa demolición da estrutura metálica da torre de iluminación de Gol, unha vez que xa está retirada a de Tribuna-Marcador. Para acometer estes traballos será preciso cortar ao tráfico a rúa Olímpicos os días 14 e 15 de abril para o que se desviará a circulación por Val Miñor e Alcalde Portanet, para garantir a fluidez do tránsito de vehículos.

Tal e como explicou o rexedor, xa se desmontaron todos os asentos de Marcador e séguese a traballar na desmontaxe dos de Río, para gañar espazo entre filas e dotar de maior comodidade aos afeccionados. En coordinación coa Liga, estase xa a traballar no desvío provisional das instalacións da grada e a finais deste mes arrancarán as demolicións interiores de barandas, portas ou ventás. Tamén se derrubarán as “decrépitas” dependencias que nestes momentos están a ocupar os bombeiros para sumarse á reforma integral do estadio. Rematada a Liga, comezará coa desmontaxe do marcador electrónico -que se entregará ao Celta – e xa no verán iniciarase a retirada do groso da grada.

O alcalde lembrou que a inversión deste proxecto é de 15,5 millóns achegados ao 50% por Concello e Deputación, sen que nin o Club nin a Xunta aporten recurso algún. Esta inversión elévase case a 30 millóns no conxunto do estadio dado que a reforma da grada de Río foi de 6,2 millóns e o de Tribuna, de 5,6 millóns, financiados case na súa totalidade polas administracións municipal e provincial.

 

Descargar todas as imaxes