O Concello establece un dispositivo policial de apoio á vacinación
O alcalde explicou en rolda de prensa este venres que as patrullas da Policía Local están supervisando o tráfico no Ifevi e controlando as prazas de aparcamento reservadas para a vacinación nos centros de saúde.
Ante a evolución da incidencia do coronavirus en Vigo, Abel Caballero volveu pedir á cidadanía “precaución, prudencia e atención ata que teñamos cero casos” porque, dixo, “estamos falando da vida da xente”.
O rexedor informou do labor que está realizando a Policía Local cun dispositivo especial de apoio ao proceso de vacinación no Recinto Feiral de Vigo en coordinación doa autoridade sanitaria. As patrullas desprazas alí contan cun “número significativo de axentes” que están axudando a que todo funcione, tanto no tráfico, como no aparcamento e na fluidez da chegada das persoas maiores que acoden a vacinarse. Segundo explicou, téñense detectado algunhas retencións circulatorias motivadas, fundamentalmente, polo desprazamento de persoas con problemas de mobilidade.
Ademais, as patrullas de zona da Policía Local están supervisando as reservas de aparcamento habilitadas polo goberno municipal para a vacinación nos centros de saúde, encargándose do respecto ás normas neses espazos onde se eliminou a zona Xer co fin de liberar prazas de estacionamento. “Esta vai ser a nosa dedicación: o control das infraccións das normas sanitarias e a regulación do tráfico e supervisión das persoas que acoden a vacinarse para apoiar ao máximo esta situación”, explicou o alcalde.