O Concello abrirá as pistas de atletismo de Balaídos tamén polas mañás
Abel Caballero informou este venres da decisión, xa trasladada aos clubs, que entra en vigor a próxima semana. A instalación funcionará de luns a venres de 17 a 22 horas e tamén as mañás dos martes, xoves, sábados e domingos, de 10 a 13 horas.
“Case que duplicamos o tempo de apertura das pistas de atletismo”, asegurou o alcalde, quen subliñou que, coa ampliación de horarios, “estamos atendendo ás principais necesidades de clubs e atletas, tendo en conta as súas opinións”. Caballero valorou a “moi boa sintonía” e o “diálogo permanente” establecido entre o Concello e as entidades deportivas.
Os novos tramos de funcionamento da instalación xa foron comunicados aos clubs e entrarán en vigor desde a próxima semana. Así, o martes as pistas estrearán novo horario, de 10 a 13 horas e de 17 a 20 horas. Ata o momento, a operativa era nas tardes do luns ao venres, que engadirá agora as mañás dos martes, xoves, sábados e domingos.
Os horarios, explicou Caballero, están adaptados ás restricións vixentes polo Covid e poderían ser revisados en función da evolución da pandemia e da normativa aplicada pola autoridade sanitaria.