Caballero censura que a Xunta non asuma o custo das gardas xudiciais 24 horas en Vigo
A implantación na cidade desta medida conta cos informes favorables do Consello Xeral do Poder Xudicial, do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, das xuntas de xuíces e do Ministerio, pero o goberno autonómico vén de anunciar que non a poñerá en marcha.
“É unha demanda histórica da cidade ao longo de dez anos pero a Xunta non deixa ter os xulgados abertos 24 horas” na cidade, apunta Abel Caballero, que critica que Vigo “non ten a atención xudicial que debe ter porque a Xunta non se quere facer cargo”.
O alcalde considera que o servizo de xulgados as 24 horas do día é “moi bo para a cidadanía” e significa moito “en termos de casos de violencia de xénero”. Cre que a medida debe ser asumida polo goberno autonómico “que recibe recursos do Goberno central” pero este “desatende as súas obrigas e desatende a cidade de Vigo no ámbito da Xustiza”.
O rexedor lembrou que xa tiña solicitado varias veces a implantación das gardas xudiciais de 24 horas en Vigo, “a última vez mantiven un encontro en 2019 cos sindicatos de xustiza e reclameillo ao Ministro. Pero agora a Xunta di que non vai pagar o custo do servizo”.