O alcalde avoga pola consideración das salas de concertos como espazos culturais
As salas de concerto son un desenvolvemento cultural moi importante na cidade, con 1.000 actuacións ao ano -en condicións de non pandemia -, tal e como constatou esta mañá o rexedor logo de manter un encontro cos responsables de La fábrica de chocolate e La Pecera. Neste contexto e pensando xa no postcovid, o alcalde defendeu a oportunidade de converter estes locais en espazos culturais.
Abel Caballero mantivo esta mañá un encontro cos representantes da Asociación Clubtura, concretamente, reuniuse con Marcos Vázquez e Eduardo Rodríguez, responsables da “Fábrica de chocolate” e de “La Pecera”, respectivamente. Os responsables destas salas son conscientes de que nesta situación de pandemia non é posible manter a actividade polo que na reunión prantexaronse proxectos para o momento no que a situación sanitaria se normalice.
En rolda de prensa, o rexedor defendeu a necesidade de “progresar no recoñecemento das salas de concerto como espazos culturais, respectando sempre normas de legalidade, ruídos e facilitando a convivenza social e veciñal. Esta mobilización cultural irá da man do desenvolvemento económico, outro dos obxectivos desta idea de cooperación.
En Vigo hai dez salas que organizan habitualmente unha media de 1.000 concertos ao ano o que, en termos de poboación, coloca a Vigo como unha das cidades europeas con máis accións musicais deste tipo. De feito, todos os grupos importantes no ámbito nacional pasaron por unha destas salas no seus comezos artísticos. “Vigo é unha fábrica de concertos”, concluíu.