Escoitar

O alcalde avanza o proxecto das novas ramplas da Gran Vía cun orzamento de 4,5 millóns de euros

Abel Caballero, acompañado dos catro tenentes de alcalde: Carmela Silva, Javier Pardo, Elena Espinosa e María Xosé Caride, presentou este xoves “unha das actuacións máis extraordinarias da cidade” que permitirá continuar o proceso das ramplas mecánicas para poder subir a Gran Vía desde Urzáiz ata a Praza de España.

venres, 5 feb 2021

O rexedor explicou que as dúas novas cintas mecánicas que se proxectan na Gran Vía comprenderán os tramos desde a rúa Venezuela ata Bolivia e desde a rúa Bolivia ata Nicaragua, acadando os 150 metros lineais. As ramplas contarán con pavimento descontaminante e un novo xardín botánico, tanto no interior coma no interior da instalación.

Esta “nova forma de mobilidade” supón para Caballero a “modernidade total na forma de entender a cidade” con respecto ao medio ambiente e permitindo o acceso a unha rúa que, con máis dun 10% de pendente, “hoxe non se podería facer” e resolvendo así o desnivel da orografía viguesa.

O alcalde apuntou que o goberno municipal está deseñando un “Vigo novo con catro grandes plataformas de mobilidade vertical”: a primeira desde a zona do Náutico ata a ladeira do Castro; a segunda as ramplas da Gran Vía quen unen Urzáiz e a praza de España; a terceira é a que conecta cun ascensor Rosalía de Castro e Vía Norte, desde alí ata a Isabel a Católica e desde esta praza pode chegarse con ascensores e escaleiras á zona máis alta de Vigo que é o barrio de Ribadavia; a cuarta é a que irá desde a zona do Auditorio ata Hispanidade.

Caballero puxo en valor o orzamento do proxecto das ramplas mecánicas que acada os 4,5 millóns de euros, que se suman aos 5,5 investidos nos primeiros tramos da Gran Vía e avanzou que aspira a que a obra sexa financiada polos fondos europeos de recuperación da Unión Europea porque “é unha forma de mobilidade con emisión cero, encaixa na Europa verde, ten unha parte importante relacionada co avellentamento poboacional e unha dimensión social ao permitir a mobilidade a persoas con idade avanzada. Amais, criticou que a Xunta de Galicia teña paralizado o proxecto do primeiro tramo das ramplas, entre Urzáiz e María Berdiales.

 

 

Descargar todas as imaxes