O Concello celebra este sábado no Ifevi a proba teórica da oposición a bombeiro
A administración que preside Abel Caballero cubrirá quince vacantes no corpo de extinción, doce de quenda libre e tres de promoción interna. Con protocolo Covid, optan 408 candidatos das que 18 son mulleres, logo de que o Concello, por primeira vez, adaptara os requisitos das probas físicas para facilitar a súa incorporación.
O alcalde explicou que o goberno vigués quere facilitar a incorporación das mulleres ao corpo de Bombeiros da cidade, polo que por primeira vez as esixencias mínimas das probas físicas están adaptadas en función do xénero, o que posibilitou que 18 candidatas comecen este sábado a oposición municipal.
A primeira proba, de carácter teórico, ten lugar na tarde deste sábado no Ifevi, cun protocolo Covid elaborado e avalado pola autoridade sanitaria. Segundo explicou Caballero, o Concello cubrirá quince prazas, das que tres son de promoción interna e doce de acceso libre. A unha destas vacantes optarán os 408 opositores finalmente admitidos ao proceso.
As quince vacantes forman parte da Oferta de Emprego Público aprobada polo Concello de Vigo e correspondente aos anos 2017, 2018 e 2019, nas que a cidade prima o reforzo dos corpos municipais de seguridade, tanto os Bombeiros como a Policía Local, cun total de 86 prazas.