O goberno de Vigo reforza a limpeza contra o Covid nas piscinas cubertas municipais
O Concello modificou o contrato para intensificar as tarefas de desinfección nas piscinas de Travesas, Lavadores, Teis e Valadares, para o que prevé adicar ata 76.000 euros máis. Abel Caballero insistiu en que debería custealo a Xunta, “que recibiu ducias de millóns do Goberno de España para estas funcións”.
A Xunta de Goberno Local celebrada este pasado xoves aprobou unha modificación do contrato dos servizos nestas catro instalacións municipais para reforzar as tarefas de limpeza contra a Covid-19. Explicou Caballero que a previsión a seis meses eleva o custo en ata 76.000 euros: 28.000 euros na de Travesas, 16.000 euros en Lavadores, 19.000 en Teis e 13.000 euros en Valadares.
O alcalde lamentou que novamente o Concello teña que facer fronte a un gasto extraordinario derivado da pandemia do coronavirus e insistiu en que debería custealo a Xunta de Galicia: “O Concello recibiu cero euros da Xunta, que recibiu ducias de millóns de euros do Goberno de España para estas funcións”, argumentou.
En rolda de prensa presencial e telemática, Abel Caballero informou de asuntos aprobados na Xunta de Goberno Local celebrada este pasado xoves, entre os que tamén citou o pago das axudas aos participantes do programa integrado de emprego do Concello de Vigo para este ano 2021.
Trasladou o primeiro edil que a iniciativa bianual conta cun orzamento de 258.000 euros e forma a un centenar de persoas -sesenta o pasado ano e corenta neste 2021- en actividades auxiliares de almacén, carretilleiro/a e no carné de conducir. Aqueles con rendas baixas perciben un apoio económico que ascende este ano a 18.600 euros, axuda validada esta semana polo goberno de Vigo.