Escoitar

Vigozoo acolle unha mostra de insectos insólitos

O parque das ciencias naturais-Vigozoo abriu unha exposición, en colaboración coa Obra social de Caja Madrid, con exemplares de insectos de grande espectacularidade. Pode visitarse ata o 5 de xuño de 10:30 a 14:00 e de 16:00 a 20:30 horas.

martes, 13 mai 2003
Nesta exposición agrúpanse as especies de insectos por temas, sen ordenación sistemática, como os que pola súa beleza se asemellan a xoias, os que se mimetizan coas plantas ou os nocturnos. Preténdese proporcionarlles a todas as persoas a posibilidade de adquirir coñecementos, valores, actitudes e interese para protexer e mellorar o medio ambiente.

Quérese tamén estimular pautas de conducta respectuosas co medio ambiente e contribuír a comprender a existencia e importancia da interdependencia económica, social, política, cultural e ecolóxica entre diversas áreas xeográficas do planeta.

A exposición, que contén seres vivos e simulacións para aquelas especies que a súa curta vida impide velos vivos, conta con 20 paneis con dioramas de insectos naturalizados e iluminación interior. Dispón tamén de catro vitrinas terrario con insectos vivos, 20 carteis con textos e fotografías e outros elementos auxiliares.