Escoitar

Máis de 2.800 estudiantes e profesores participarán no Correlingua 2003

A etapa viguesa do Correlingua 2003 contará coa participación de 30 centros escolares de primaria e de secundaria. Arestora, están inscritos para o percorrido do mércores, 14 de maio, 2.500 alumnos e 100 mestres de ensino no universitario, e máis dun cento de estudiantes e profesores universitarios. Os concelleiros de Normalización Lingüística, Carme Corbalán, e de Deportes, Santiago Domínguez, presentaron, xunto a voceiros das entidades organizadoras, a terceira edición da carreira a prol da lingua galega.

luns, 12 mai 2003
1052741200correlingua.jpg
Cartel de Corrlíngua2003
Patrocinada polo Concello e a Universidade de Vigo, a iniciativa é promovida por CIG-Ensino, a Asociación Socio-Pedagóxica Galega, Nova Escola Galega, a Mesa pola Normalización Lingüística, a Coordinadora Comarcal de Equipas de Normalización e os concellos de Pontevedra, Santiago, Ferrol e Lugo. No acto intervirán os escritores Xosé María Álvarez Cáccamo e Fran Alonso, a cantante Uxía Senlle, o actor Antonio Durán "Morris" e a deportista Chus Lago.

Carme Corbalán sinalou a importancia da actividade "que reivindica o emprego do galego, nun momento en que tan só o 7% dos nenos da bisbarra o teñen como lingua de uso cotiá; nunha situación de alerta vermella".

A marcha partirá da praza do Rei ás 11:00 horas en dirección á meta, no parque de Castrelos, atravesando as rúas Camelias e Hispanidade e as prazas da Independencia e de América. O representante de CIG-Ensino Suso Fernández, explicou que en Castrelos desenvolveranse distintos xogos, dirixidos aos meniños de ensino infantil que non poidan realizar o percorrido completo. "É unha carreira por relevos pero non competitiva, un acto público de reivindicación, cun carácter lúdico", indicou.

Pola súa banda, Santiago Domínguez considerou responsabilidade da administración "axudar a reflexionar os máis novos, impulsando o seu desenvolvemento en todos os eidos, e traballar para asegurar o futuro da nosa lingua".

Correlíngua 2003 comezou o pasado 5 de maio en Ferrol e rematará o día 16 en Pontevedra. Chega a Vigo, logo de celebrarse na Mariña, Lugo, A Coruña, Santiago, Ourense e Baixo Miño - O Condado.
Descargar todas as imaxes

Máis información