Escoitar

¿Xogas?, en galego podemos leva o Touporroutou a Teis e a orquestra da Escola municipal de música á praza da Constitución

As actividades do programa municipal de dinamización lingüística desta fin de semana desenvolveranse o sábado 10 de maio ás 18:00 na praza da Constitución e no Centro cívico de Teis. Touporroutou e a Escola municipal de música terán senllas actuacións para os máis pequenos. O domingo 11 de maio ás 12:00 haberá unha xornada de xogos tradicionais no Calvario.

venres, 9 mai 2003
Touporroutou ofrecerá un repertorio composto por cancións, contos, xogos e danzas tradicionais combinadas seguindo un guión para ofrecer un espectáculo no que o máis importante son a participación e a creatividade. O traballo baséase na recuperación e interpretación dun repertorio tradicional infantil escollido para que os nenos teñan un coñecemento de cómo se divertían os avós.

Preséntase unha nena facéndolle preguntas ao seu avó para saber como se divertían cando era pequeno. Pregúntalle sobre contos, adiviñas, xogos, cancións e bailes que lle irá mostrando aos demais nenos participantes incitándoos á participación nos mesmos. Deste xeito, quérese transmitir a rica herdanza cultural dos maiores ás novas xeracións para colaborar a manter vivas as tradicións e fomentar o uso da lingua galega a través da transmisión oral.

Preténdese que os nenos participen de forma activa deste repertorio para axudar a que poñan o máximo de atención nas explicacións que lles dan os monitores e facer que aumente a súa concentración e escoita. Coa súa participación nestas cancións-xogo e danzas-xogo, ademais de divertírense, interiorizan o movemento e o ritmo, o que contribúe a un mellor desenvolvemento psicomotor. Ademais, ao seren danzas en grupo axudan a fomentar o compañeirismo e as relacións humanas.

Tamén se contan e dan a coñecer obras de autores galegos mostrándoas na propia actuación e isto espertará a curiosidade e interese dos nenos pola lectura, contribuíndo ao coñecemento da literatura infantil.

Escola municipal de música

A "Obertura da frauta encantada", de Mozart, e "O carnaval dos animais", de Saint-Säens, constitúen o programa do concerto didáctico que a Escola municipal de música ofrecerá dentro de ¿Xogas?, en galego podemos. A cita será o sábado 10 de maio ás 18:00 na praza da Constitución.

Camile Saint-Säens escribiu "O Carnaval dos Animais" para os alumnos da Escola de música Niedermeyer da que era mestre. A través de pezas musicais breves, moitas delas doutros compositores, o autor retrata con ironía e desenfado animais e outros personaxes que chamaron a súa atención. Camile Saint-Säens viviu en Francia entre os anos 1835 e 1921. Foi un gran pianista e moi afeccionado á arqueoloxía, á astronomía e ás letras.

No Calvario

O domingo 10 de maio os nenos de 4 a 10 anos poderán participar nas actividades previstas para as 12:00 do mediodía no Calvario.

Xogos de presentación como o da "pataca quente", de coñecemento e de distensión como o do "director de orquestra" ou "o cesto de froitas" son algúns dos previstos. Ademais, haberá xogos con paracaídas como o de "queixo, pan e tomate" e o das "pombiñas de millo". Os nenos participantes tamén aprenderán cancións infantís.

Estes xogos de interrelación pretenden fomentar o uso do galego entre os máis pequenos mediante actividades lúdicas e didácticas no tempo de lecer.