Escoitar

Aberto o Centro de Atención Municipal de Coruxo

A concelleira de Participación Cidadá, Mariló Cabaleiro, visitou o Centro de Atención Municipal de Coruxo que está en funcionamento dende hai uns días no edificio da antiga estación do tranvía (Avda. Ricardo Mella, 296), e co horario de luns a venres de 9 a 13 horas, e os sábados de 9 a 12 horas.

xoves, 8 mai 2003
No centro préstanse servicios de información xeral en temas como: actividades culturais e lúdicas organizadas polo Concello, exposición de folletos turísticos, de emprego, de transporte, educación, cursos, etc., en definitiva, todo tipo de información municipal, ben de xeito directo ou ben poñendo a cidadanía en contacto cos servicios precisos; evitando, no posible, o desprazamento dos cidadáns as instalacións centrais do Concello.

No CAM haberá tamén un centro municipal de Internet que empezará a funcionar en próximas datas. Neste centro impartiranse cursos de formación en internet e novas tecnoloxías e habilitarase un acceso a internet de balde e de uso libre, con intencións educativas.

Mariló Cabaleiro manifestou na súa visita ó CAM de Coruxo que porase a disposición dos veciños unha caixa de correos de queixas, consellos e todo tipo de suxestións e iniciativas que serán transmitidas ó servicio de Atención Cidadá, dependente da Concellería de Participación Cidadá, no cal darase trámite a cada unha delas e remitirase ó departamento responsable, co fin de darlle solución se é posible e mellorar así a calidade dos servicios que presta o Concello. A concelleira de Participación Cidadá indicou que tamén podense efectuar as reclamacións ou peticións chamando o número de teléfono e fax 986.49.11.90, "encargándonos do seu tratamento e envío ó departamento responsable, tanto sexa municipal como doutra administración".