Escoitar

Caballero critica o intento de Mos de anexionar case 50.000 m2 do termo municipal de Vigo

O goberno local trasladou a súa oposición ao intento de Mos de "anexionar" case 50.000 m2 do polígono de O Rebullón nos que hai instalados unha vintena de empresas. O alcalde asegurou que os límites están fixados polo Instituto Xeográfico Nacional e criticou a decisión unilateral de Mos de modificar o territorio de Vigo.

mércores, 12 dec 2018
1544623113121218RebullonMos_01.JPG
O alcalde de Vigo denunciou hoxe mércores o intento do Concello de Mos de "anexionar" parte do termo municipal de Vigo, en concreto case 50.000 m2 no límite entre ambas localidades, no chamado polígono de O Rebullón. Tal e como explicou en rolda de prensa, o Concello de Mos notificou ao goberno local un acordo plenario para o inicio dun expediente de deslinde dunha parcela na que están instaladas unha vintena de naves empresariais. De feito, asegurou, existe un contencioso en marcha porque Mos leva anos cobrando o IBI a estas empresas, a pesar de que o seu Plan Xeral non as inclúe dentro do seus límites territoriais.

Caballero explicou que "de ningunha maneira" o Concello olívico vai tolerar esta "manifesta ilegalidade, case medieval", ao tempo que lembrou que os límites municipais están fixados polo Instituto Xeográfico Nacional e polos propios plans de ordenación de cada municipio. Neste punto, anunciou que o goberno local trasladará a súa oposición tanto ao Concello de Mos como ao propio Instituto Xeográfico Nacional.
Descargar todas as imaxes