Escoitar

O Concello de Vigo ofrece a Tui todos os seus recursos para atender ás vítimas da explosión

O alcalde de Vigo informou este xoves de que xa se puxo en contacto co rexedor de Tui para ofrecerlle todos os recursos que precise tras a explosión na parroquia de Paramos. O Concello cancelou os actos do Día da Policía en solidariedade coas familias afectadas.

xoves, 24 mai 2018
1527166445rueda.JPG
O Concello de Vigo ofreceu este xoves a Tui todos os recursos de Policía, Bombeiros e Protección Civil dos que dispón para traballas nas tarefas que se levan a cabo na parroquia de Paramos, onde este mércores unha explosión causou a morte de dúas persoas e unha trintena de feridos.

"Acabo de falar co alcalde de Tui para transmitir a nosas condolencias polo grave suceso de onte, quixen transmitirlle a nosa solidariedade, apoio e cariño co pobo de Tui nestes momentos tan complicados", sinalou o alcalde, Abel Caballero, durante a súa comparecencia ante os medios de comunicación.

O rexedor informou de que despois da explosión, saíron tres dotacións do Parque de Bombeiros de Vigo, primeiro un camión de extinción de incendios e posteriormente outros dous vehículos con técnicos especializados para facer fronte a derrubes e busca e rescate de vítimas.

"Tui ten a súa disposición todos os efectivos da cidade, tanto bombeiros, como policías e efectivos de Protección Civil, todo a súa disposición", insistiu Caballero antes de aclarar que o parque de bombeiros está activado en este momento por se necesitan a súa intervención de xeito inmediato.

Ademais, o alcalde sinalou que foi suspendida o acto do Día da Policía porque "non é un día para festividades, é día para estar atentos e transmitir pésame e solidariedade con todo o pobo de Tui con vítimas e familiares".
Descargar todas as imaxes