Escoitar

O goberno de Vigo apoia con 52.500 euros a actividade de tres entidades sociais

Abel Caballero informou este xoves dos convenios aprobados polo goberno local, que subvenciona con 8.000 euros o programa de respiro familiar da Fundación Menela, con 20.000 euros a contratación dun intérprete de lingua de signos e con 24.500 euros a ludoteca de APAMP.

xoves, 19 abr 2018
A Xunta de Goberno Local celebrada este xoves aprobou tres convenios de contido social por importe total de 52.500 euros.

En primeiro lugar, o Concello subvenciona con 8.000 euros o programa de respiro familiar da Fundación Menela, dirixido a familias e coidadores de persoas con algunha discapacidade. Ademais, o goberno de Vigo adica 20.000 euros á contratación dun intérprete de lingua de signos en favor da Asociación de Persoas Xordas da cidade, para a prestación dos seus servizos, segundo explicou Caballero, en reunións, despachos profesionais, comparecencias públicas ou consultas médicas.

Por último, o alcalde informou do convenio aprobado coa Asociación de Familias de Persoas con Parálise Cerebral (APAMP) para a xestión dunha ludoteca de inclusión. O Concello destina ao efecto 24.500 euros para levar adiante esta iniciativa dirixida a nenos e nenas de entre catro e dez anos. A ludoteca emprázase na rúa Sagunto e participación semanalmente medio centenar de rapaces.

Feira do Libro
O goberno de Vigo deu ademais luz verde ao texto do convenio en favor da Federación de Libreiros de Galicia, entidade organizadora das dúas feiras do libro que acollerá Vigo en próximos meses. Segundo revelou o alcalde, a Feira do Libro Novo de Vigo celebrarase do 28 de xuño ao 7 de xullo na Porta do Sol, mentres que a Feira do Libro Antigo e de Ocasión será do 21 de xullo ao 5 de agosto na Alameda.