Escoitar

O Concello, que xa entregou 118.000 PassVigo, traballa en novos usos para a tarxeta

Abel Caballero avanzou este venres que o goberno vigués está a celebrar reunións técnicas para ampliar as opcións de uso e pago da nova tarxeta cidadá PassVigo, como por exemplo nos taxis. Nos autobuses urbanos, o 73% dos abonos con tarxeta xa se efectúan coa PassVigo.

venres, 6 abr 2018
1523019565PassVigo.JPG
O alcalde deu este venres nova información sobre a implantación da tarxeta cidadá PassVigo. A día 4 de abril, o Concello ten repartido 118.000 unidades, das que máis de 55.000 están operativas. Do total, 78.000 son ordinarias, 8.600 son de estudantes, 5.400 son universitarias e 25.000 son de pensionistas, aos que o Concello abona o billete íntegro do autobús urbano.

O pasado mércores, o 73% das tarxetas empregadas no autobús urbano vigués foron PassVigo, revelou o alcalde, quen asegurou que se está a converter "nun fenómeno sociolóxico", pois está en poder de "miles de nenos e nenas, a primeira tarxeta das súas vidas" que exhiben "con orgullo, o orgullo de ser desta cidade".

O pago con tarxeta no autobús urbano vigués (que a partir do 15 de abril será exclusivo coa PassVigo) é o primeiro uso habilitado do novo dispositivo cidadá, que prevé incorporar outros de carácter deportivo, cultural ou administrativo. Abel Caballero anunciou que o Concello celebra xa reunións técnicas para ampliar a utilidade da PassVigo e citou como exemplo o pago nos taxis da cidade.

Traspaso do saldo
O Concello de Vigo ten habilitado desde o pasado 12 de marzo o mecanismo para poder traspasar os fondos da antiga tarxeta Verde do Vitrasa á nova PassVigo. O alcalde indicou que os mesmos caixeiros de Abanca onde se recarga permiten facer o cambio, de forma indefinida, tamén despois do 15 de abril. Aqueles, apuntou Caballero, que queiran recuperar en efectivo o saldo restante nas antigas tarxetas Verde, a partir do 16 de abril poden solicitar o reembolso inmediato do importe nas oficinas de Vitrasa, na Estrada de Camposancos.

Avanzou o rexedor vigués que, desde o 12 de marzo ao 4 de abril, se realizaron case 11.000 operacións de traspaso de saldo á PassVigo, por importe próximo aos 63.000 euros. A modo de exemplo, engadiu, só o pasado mércores se efectuaron 1.224 transferencias de fondos.
Descargar todas as imaxes