Escoitar

A Corporación aproba crear o Órgano Independente de Recursos Contractuais

Anunciado polo alcalde o pasado luns, este xoves o Pleno acordou a creación deste ente administrativo independente, que nace cos obxectivos de achegar a administración ao cidadán, aumentar as garantías dos licitadores e gañar en axilidade e eficacia.

xoves, 5 abr 2018
O novo Órgano Independente de Recursos Contractuais nace cos votos favorables do goberno de Vigo e a abstención dos grupos de Marea e Partido Popular.

Abel Caballero anunciara o pasado luns a creación deste ente administrativo especializado co que o goberno vigués quere achegar a administración ao cidadán, aumentar as garantías dos licitadores e gañar axilidade e eficacia neste proceso.

A nova Lei de Contratos permite ás grandes cidades e ás Comunidades Autónomas a creación do seu propio órgano. No caso do vigués, o ente resolverá recursos especiais en materia de contratación no caso de obras de máis de tres millóns de euros e subministros e servizos de importe superior aos 100.000 euros, no caso de concesións de obras e servizos de valor superior aos tres millóns e no caso dos contratos administrativos especiais que, polas súas características, non poidan fixar prezo de licitación.

O Órgano Independente, tal e como explicara o alcalde de Vigo, elaborará o seu propio regulamento interno -que será publicado no BOP- e estará adscrito á Concellería de Contratación, que lle prestará apoio administrativo. O titular do ente, que será nomeado polo Pleno tras pasar por concurso público, será funcionario de carreira do Concello, con licenciatura ou grao en Dereito, con máis de quince anos de experiencia no dereito administrativo. O nomeamento será por seis anos, sen posibilidade de prórroga.

No debate plenario deste xoves, o edil de Marea, Rubén Pérez, entende que o Órgano do Concello pode axudar a unha resolución máis áxil dos recursos interpostos polas empresas, cuestionou a idoneidade de que teña carácter unipersoal e preguntou polo proceso de selección. En representación do PP, Miguel Fidalgo manifestouse de acordo en que o Concello teña este Órgano, insistiu na importancia de que sexa "independente" e pediu que sexa colexiado e non unipersoal pois, ao seu xuizo, o goberno de Vigo non ten "credibilidade" en materia de contratación.

O concelleiro de Contratación, David Regades, recordou que Vigo é o único concello de Galicia que non ten ningún servizo sin contrato, o que non acontece en Santiago, Coruña, Ferrol e Ourense. No tocante á composición do Órgano, o tamén segundo tenente de alcalde recordou o proceso de selección por concurso anunciado polo alcalde e engadiu que estará composto inicialmente por un funcionario de carreira e o número de integrantes do Órgano se ampliará en función do número de asuntos a resolver. Regades comparou o proceso de selección do Concello de Vigo co doutras cidades andaluzas gobernadas polo PP, que nomearon ao titular do seus órganos municipais "a dedo".

Tribunal Económico-Administrativo
Na sesión plenaria deste xoves, o concelleiro de Facenda deu conta da memoria do Tribunal Económico-Administrativo correspondente ao 2017. Aneiros explicou que a entidade resolver 296 resolucións en 29 sesións, ademais de asesorar aos distintos servizos municipais coa redacción de informes e ditámenes. Os voceiros dos tres grupos municipais agradeceron e felicitaron aos funcionarios que se encargan do Tribunal, creado hai 13 anos.