Escoitar

O Concello de Vigo concede este curso máis de 4.500 becas para comedor e libros

Abel Caballero anunciou este xoves a solicitude extraordinaria de becas de comedor e libros para os escolares vigueses. Sumadas ás de Foanpas, finalmente o número de becas concedidas polo Concello este curso ascende a 4.512 e supón un investimento de 1,94 millóns de euros.

xoves, 5 abr 2018
A Xunta de Goberno Local do Concello de Vigo aprobou este xoves as solicitudes extraordinarias de becas de comedor e libros para este curso, de forma que o número ascende ata un total de 4.512.

Segundo explicou o alcalde de Vigo, o importe concedido finalmente foi de 1,33 millóns de euros, dos que 1,22 millóns son para comedor e 112.540 euros para libros. A este importe hai que sumarlle os 606.000 euros destinadas a becas de comedor a través de Foanpas, polo que o total chega ata 1,.94 millóns de euros.

Das 4.512 becas da convocatoria do curso 2017-2018, un total de 1.324 son para axudas de libros e 3.188 para comedor. As contías das axudas son de 41 euros para comedor e de 85 euros para libros e material. "Un ano máis, podo dicir que non temos lista de espera nin en becas de comedor nin de libros", apuntou Abel Caballero.

Fundación Amancio Ortega
Ademais, o Concello tamén aprobou en Xunta de Goberno a entrega á Fundación Amancio Ortega da parcela municipal para a construción dunha escola infantil na parroquia de Bembrive.

A colaboración entre o Concello de Vigo e a Fundación Amancio Ortega permitirá por en marcha unha escola municipal de 82 prazas e e 6 aulas sobre unha parcela de 3.542 metros cadrados. Unha vez a Fundación Amancio Ortega termine a construción da escola e a dote do equipamento necesario, esta pasará a formar parte da rede de escolas infantís municipais.