Escoitar

O Concello organiza oito recreacións da vida romana na Vila de Toralla

Abel Caballero animou á cidadanía a achegarse ao Centro de Interpretación do Mundo Romano e presenciar as representacións gratuítas que organiza o Concello en xullo e agosto. Na Vila Romana de Toralla escenificarase a celebración dunha voda na antiga Roma, co banquete, venda de escravos e loita de gladiadores.

mércores, 6 xul 2016
1467810664toralla.JPG
O alcalde presentou a iniciativa este mércores, coa que o goberno de Vigo procura divulgar o patrimonio histórico vigués recreando a vida nunha vila romana. As representacións na coñecida como Finca Mirambel serán gratuítas e comezarán mañá xoves, 7 de xullo, ás 20 horas, segundo anunciou Caballero.

O Concello organiza oito representacións na vila de Toralla, que serán todos os xoves de xullo e os xoves 4, 18 e 25 de agosto, xunto ao venres 12 de agosto, xornada na que o goberno de Vigo levará adiante a Noite Branca dos museos da cidade, tal e como explicou Caballero. As recreacións comezan ás 20 horas e terán unha duración estimada de dúas horas.

Os visitantes que acudan á Vila Romana de Toralla para as representacións serán recibidos nas escaleiras con pétalos de flores. Nas ruínas mostrarase a vida na vila romana, onde cada personaxe interpretará o seu oficio. O patricio e a súa muller recibirán aos invitados á voda, que se representará no escenario cunha cerimonia oficiada por unha sacerdotisa, co banquete, unha venda de escravos, baile e loita de gladiadores.

A Vila Romana de Toralla é un "patrimonio arqueolóxico importantísimo e ratifica a importancia de Vigo naquela época e a dimensión que tiña", explicou Caballero, quen recordou a mostra EMPORIUM, no Museo Verbum en Samil, que amosa un milenio da historia de Vigo a través do comercio, desde o século primeiro antes de Cristo ata o nove despois de Cristo.
Descargar todas as imaxes