Escoitar

Vigo recibirá o Nacional de descenso, que Caballero define como "evento da meirande importancia"

O Campionato de España de descenso de bicicleta de montaña (mountain bike) celebrarase en Vigo a fin de semana do 16 e 17 de xullo. O alcalde da cidade, Abel Caballero, presentou hoxe a competición, que atraerá a Coruxo aos mellores "descenders" do país.

mércores, 6 xul 2016
1467823180btt.JPG
"É un evento deportivo da maior importancia que se vai a desenvolver nun gran circuíto en Fragoselo", sostivo o rexedor, que invitou a que a cidadanía acuda "e que vexan e gocen do Campionato de España de BTT", sinalou.

Con adestramentos previstos para o sábado, o circuíto, duns 1.500 metros, partirá do Alto do Mauxo e terá o seu final no Torreiro de San Sebastián, en Coruxo. A primeira manga está fixada para as 9:30 horas do domingo 17.

José Luís López Cerrón, presidente da Federación Española de Ciclismo, explicou que "estamos encantados en Vigo porque hai moitos clubs de descenso". Para el, exciclista profesional de estrada, "esta é a modalidade máis espectacular de cantas temos, un espectáculo impresionante polos saltos, por onde a xente baixa... e máis nunha zona que foi durante moitos anos o meu lugar de vacacións", subliñou.

Juan Carlos Muñiz, o presidente da Federación Galega, valorou o apoio municipal recibido "cando lle presentamos o proxecto ao concelleiro de Deportes", afirmou que "Vigo envorcouse co ciclismo" e explicou que ata catro clubs da cidade (Bici Verde, Singletrack Outdoor Sports, CC Coruxo e Máis Enduro MTB) puxéronse a traballar arreo na organización xunto coa FGC.

"Vigo vai ser a capital do descenso", indicou o federativo, que ademais manifestou que a cidade "é berce de grandes descenders", pois os dous mellores de España en Elite, Toni Ferreiro e Rosi Martínez, son ciclistas locais. E non estarán sos xa que haberá máis representación viguesa: Ángel Suárez en Elite, Alejandro Vila e Rubén Castro en Máster 30 ou Marcos Balbuena e Miguel Ángel Pintos en Máster 40.

Coruxo xa afronta dende 1999 tanto copas de España como a Copa do Mundo. "É unha paraxe preciosa", sostivo o dirixente galego, que anunciou que o Campionato de Galicia de descenso será este domingo no mesmo escenario.

A organización regalou ao alcalde, que estivo acompañado polo concelleiro de Deportes, Manel Fernández, un maillot da proba.

Dende os estamentos federativos calcúlase que entre o Galego e o Campionato de España moveranse unhas 2.000 persoas.
Descargar todas as imaxes