Escoitar

Inauguración da exposición "Transbordo espacial. Partituras gráficas" na Casa das Artes

Este xoves 7 de xullo, ás 20:00 h, inaugúrase na planta primeira da Casa das Artes (r/ Policarpo Sanz, 15) a exposición "Transbordo espacial. Partituras gráficas" do Pelayo Fernández Arrizabalaga, dentro da programación do Festival de Jazz de Vigo "Imaxina Sons'16" que promove e organiza a Concellería de Cultura.

mércores, 6 xul 2016
1467803484exposicionimaxinasons.jpg
Formado nas artes plásticas e visuais e considerándose a si mesmo un músico "de ouvido", Pelayo Fernández Arrizabalaga (Laredo, 1949) botou man de aparellos visuais para comprender a notación musical. O que nacía como un sistema de apoio no seu desenvolvemento musical tomou forma como proxecto plástico-musical coa construción dun círculo cromático de notas. A nota DO era vermella e, fronte a ela, SI era dun ton verde prado. Primero foron temas de Charlie Parker pasados a cor; despois a escritura cromática de "Giant Steps" de John Coltrane e, como derivación lóxica, naceu a partitura xiratoria. Un cadro, si, pero susceptible de ser lido por un intérprete musical.

Sen abandoar o concepto "partitura" pero afastándose do pentagrama tradicional, as obras de Pelayo Fernández foron incorporando novos símbolos e elementos xeométricos, en boa parte polo achegamento do artista á electroacústica. Seguía os pasos de compositores como Karlheinz Stockhausen ou Mauricio Kagel no uso de partituras gráficas.

Pelayo Fernández Arrizabalaga estudou Belas Artes en Madrid e durante os anos setenta foi saxofonista e clarinetista en formacións de jazz como Orgón e José Antonio Galicia Flamenco Jazz. Nos anos oitenta fundou Clónicos con Markus Breus, levando aos escenarios xoguetes, taladros, serras mecánicas, radios, tocadiscos, casettes, gongs, percusións, instrumentos convencionais e non convencionales "e cables, moitos cables". Desde 1993 vive en Suíza, onde continúa a desenvolver proxectos de música improvisada e electrónica.

As partituras gráficas de Pelayo Fernández non son só visualizacións das súas composicións. En Vigo presenta unha selección de quince pezas de diferentes tamaños e formatos, a través deas cales achegouse á obra de músicos nos que tiña un interese especial: Claude Debussy, Olivier Messianen, Gianto Scelsi ou Jimmy Lyons. Nos traballos gráficos ideados polo artista non falta a representación de diferentes parámetros musicais: altura, volume, silencio, ruído, dinámica, duración, ritmo. Tamén improvisa con liñas e cores que logo interpreta.

Así acontece na peza "Transbordo espacial", na que os intérpretes poden escoller diferentes camiños para a improvisación nunha rede de metro que combina liñas e transbordos. Unha peza sobre o chan, de grande tamaño, doce por catro metros, con lugares de cruce de liñas que funcionan como puntos de « Transbordo », puidendo o intérprete cambiar a outra liña de forma similar a como se fai no metro das cidades. Estes puntos de transbordo son lugares de parada e improvisación.

O día da inauguración, serán os membros de Vertixe Sonora Ensemble os que interpreten a peza gráfica, en concreto Mario Peris, violín, Pablo Coello, saxofón, Felipe Agell, clarinete, e Nerea Rodríguez, acordeón.

A exposición permanecerá aberta ao público ata o 4 de setembro de 2016.
Descargar todas as imaxes